A casa-museo Manuel María convoca a cuarta edición do concurso de composicións musicais

LugoXa | TerraChaXa
O certame ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema deste autor
Concurso-Manuel-María-de-Composicións-Musicais-Outeiro-de-Rei
8 Mar 2025

A Casa-Museo Manuel María vén de convocar unha nova edición, a cuarta, do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. O certame ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María.

O concurso está aberto á participación de todas as compositoras e compositores que o desexaren, calquera que sexa a súa nacionalidade ou residencia, sendo a data límite de presentación dos traballos o 15 de xuño. As composicións deberán ser realizadas sobre un poema de Manuel María, sendo orixinais, inéditas, sen estrear e estar clasificadas dentro da modalidade de canción galega. As cancións estarán escritas, nesta edición, para voz de barítono.

O certame convocado conta cun único premio en metálico de 1.000 euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das cancións finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios e Escolas de Música de Galiza.

O concurso desenvolverase en dúas fases de xeito que na primeira o xurado seleccionará un máximo de cinco cancións finalistas que pasarán a unha segunda fase. Na fase final determinarase a canción gañadora entre as designadas como finalistas na primeira fase. Para iso levarase a cabo un acto con concerto público que terá lugar no Auditorio da Casa-Museo Manuel María o 4 de outubro. Un barítono e un pianista interpretarán as cancións seleccionadas, dentro dun recital de cancións galegas. No propio acto, após a correspondente deliberación, o xurado dará a coñecer a canción gañadora.

Na edición de 2024, Neno, da autoría de Saúl Aguado de Aza; na edición de 2023 Falan uns campesiños aos que lles expropiaron as terras, da autoría de Xesús Xosé Iglesias González; e na edición de 2022, Fisterra, da autoría de Saúl Aguado de Aza, foron as composicións gañadoras.

⚙ Configurar cookies
0.15317606925964