A Casa Quindós de Navia acolle un curso sobre peches e subprodutos dos castiñeiros
A Casa Quindós en Navia de Suarna acolle un curso sobre peches en parcelas agrícolas e forestais con subprodutos que xeran os castiñeiros. A iniciativa está programada entre o venres 12 de novembro e o domingo 14 en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 15:00 a 19:00 h., cun total de 16 horas lectivas.
Dito curso, que estará impartido polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, afondará no deseño, execución, mantemento e conservación de peches en parcelas agrícolas e forestais, aproveitando o material vexetal resultado das podas de castiñeiro e transformándoos en estacas para realizar un aproveitamento integral de todos os subprodutos que xera esta especie forestal.
Así, ao longo destes tres días de formación, analizarase a corta e preparación de troncos para os postes verticais dos peches, o desbastado da cortiza e o cepillado para a obtención dunha cara plana. Tamén se abordará a elaboración de encaixes, a preparación dos paus de peche horizontais e a súa instalación para unha boa construción de pequenas cancelas.
A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal, tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. Neste senso, a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes. Deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.es e consultar calquera dúbida no teléfono o 881 881 055.