A Catedral de Lugo acolle unha xornada histórica de irmandamento con León e posta en valor da Vía Künig

A Catedral de Lugo será este sábado, 22 de novembro, o escenario dunha xornada de extraordinaria relevancia para a cidade amurallada, que combinará o hermanamento das catedrais de León e Lugo, a presentación do Certificado de Peregrinación á basílica lucense e a celebración do décimo aniversario do recoñecemento UNESCO tanto do Camiño de Santiago como do propio templo.
A programación comezará ás 10.45 horas cun punto de encontro no parque do río Rato, desde onde ás 11.00 dará inicio unha camiñada de peregrinación pola Vía Künig. As persoas participantes serán recibidas ao mediodía na Catedral, nun acto no que se certificará a súa chegada e no que se concederá indulxencia plenaria.
Ás 13.00 horas celebrarase a cerimonia de hermanamento entre as dúas catedrais, seguida dunha eucaristía que contará coa participación musical do Orfeón Lucense. Xa pola tarde, ás 16.15, terá lugar unha convocatoria no atrio da Catedral, que dará paso cinco minutos despois á presentación oficial do novo Certificado de Peregrinación.
O programa inclúe tamén unha visita guiada pola basílica ás 18.15 horas, antes de pechar a xornada cun concerto do grupo Solo Voces ás 19.00 horas na igrexa parroquial de San Pedro. Segundo a organización, trátase dunha oportunidade única para poñer en valor o patrimonio espiritual, cultural e histórico da cidade nun día que aspira a quedar gravado na memoria colectiva.