Reportaxe: A Catedral rebusca no seu pasado histórico
A Catedral de Santa María está adicada á Virxe María e atópase situada ao pé da Muralla, concretamente diante da porta de Santiago, preto da praza Maior. Foi comezada no século XII e desde o ano 2015 é considerada Patrimonio da Humanidade pola Unesco como parte dos Camiños Primitivo e Norte.
O proxecto da actual Catedral de Lugo ten as súas orixes no ano 1129, momento no que durante o mandato do Bispo Pedro III este encarga ao mestre Raimundo a construción dun edificio románico. Practicamente desde os seus inicios, a Catedral foi sometida a numerosas reformas e ampliacións tanto en época medieval como moderna e neoclásica, dándose por concluído o seu proxecto coa construción das torres da fachada occidental en 1880.
O resultado é un armonioso conxunto arquitectónico de épocas e estilos que se manifestan tanto na súa estrutura como nos elementos decorativos do interior. Románico, Gótico, Renacemento, Barroco e Neoclasicismo fúndense nun único edificio cuxa contorna, é contiguo á muralla romana de Lugo, constitúe o punto neurálxico do patrimonio mundial lucense.
Entre os elementos máis destacados da Catedral destaca a porta norte, de estilo románico, coroada por un inconfundible pantocrátor marmóreo e sobre este lateral descansa a torre do reloxo.
No exterior destaca tamén a sobria fachada principal que se atopa enmarcada polas torres decimonónicas. Na ábside a protagonista é a capela barroca da nosa Señora dos Ollos Grandes, considerada unha das obras mestras do barroco galego.
No altar maior atópase un tabernáculo neoclásico no que se exhibe de forma permanente o Santísimo Sacramento e fronte a el sitúase o coro do século XVIII atribuído a Francisco de Moure e, a ambos os dous lados, nos extremos do cruceiro, descansa o antigo altar maior renacentista da Catedral. Completan o magnífico conxunto os sepulcros do cruceiro e de capelas como a de San Froilán; a imaxinería relixiosa, con obras destacadas como San José, Santa Lucía, A nosa Señora da Esperanza ou o Ecce Homo; as reixas do deambulatorio ou as pinturas da bóveda do altar maior, obra de José de Terán.
A Catedral tamén alberga o decano dos museos catedralicios galegos que actualmente conta cunha destacada colección de pezas de gran relevancia como o Crismón de Quiroga, elementos patrimoniais de templos lucenses, diferentes imaxes de Santa María, ourivaría litúrxica, imaxinería, pezas de arqueoloxía e pintura relixiosa.
DIFERENTES ÉPOCAS. Recentemente comezou unha nova actuación arqueolóxica no claustro e no adro e darán continuidade á intervención realizada o ano pasado. As sondaxes realizadas no claustro anteriormente constataron a clara superposición de restos arqueolóxicos de diferentes épocas históricas.
O momento máis antigo é datado en época romana e consiste na aparición dun muro de cachotería de lousa aglutinada con argamasa de cal duns 50 cm de ancho e cunha cimentación máis ancha duns 70 cm. Esta construción muraria parece ter unha continuación en ángulo recto cara ao norte do claustro. Sobre este muro aparece un nivel de amortización e selado.
Tamén se constatou a aparición de senllos muros de cachotería de lousa duns 70 cm de ancho e que se desenvolven perpendiculares ás pandas norte e este do claustro, que pola súa feitura parecen de época medieval e que, como hipótese preliminar, podería formar parte do claustro medieval da Catedral.
Tras a presencia dun horizonte de incendio, verificado na panda norte do claustro, constatouse a presencia, por riba dos anteriores muros mencionados, dunha necrópole de tumbas rectangulares de laxas de lousa, onde se ve unha clara superposición deste tipo de enterramentos, algúns dos cales conservan aínda restos de ósos humanos que foron datados no século XI-XII d.C.
A actuación tamén permitiu constatar os traballos desenvoltos durante a etapa barroca da Catedral, como é o descubrimento da bancada de cimentación da sacristía, construída a finais do século XVII por Domingo de Andrade e tamén os muros de cimentación das tres pandas do claustro barroco (1705-1714). Todas estas obras romperon a secuencia estratigráfica das etapas anteriores e nas que, ademais, se observa o reaproveitamento de elementos arquitectónicos de época medieval.
Finalmente, nos niveis máis superficiais obsérvase unha colmatación da necrópole a base dun recheo revolto con predominio de tellas e bastantes restos de ósos humanos.