A Cé Orquestra Pantasma actúa este sábado na Casa Museo de Manuel María

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, día 8 de febreiro, ás 17 horas, a Cé Orquestra Pantasma, co seu espectáculo Animalada. Unha proposta para xogar, cantar e bailar, ao son de historias de animais que aconteceron hai tempo, dirixida para crianzas entre 3 e 9 anos.
Cans, galiñas, piollos, pulgas, serpes, corvos, cabuxas, lobos... son, entre outros, os protagonistas deste espectáculo dinámico e participativo.
Cé Orquestra Pantasma (César Freiria) é un músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais, que comezou ben novo na música tradicional e que leva desde 2008 con este proxecto unipersoal e versátil, grazas ao seu amplo e variado repertorio, en que se conxuga á perfección toda unha vida musical.
Para asistir á actividade é preciso reservar previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. O prezo do billete é de 2 euros.
A Casa-Museo Manuel María lembra que este venres, día 7 de febreiro, finaliza o prazo para que os centros educativos se preinscriban no Concurso escolar de recitado Rosalía sempre viva. Un certame, este, que ten como finalidade a potenciación da expresión oral e a creatividade do alumnado de primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos a través do coñecemento e recitado da obra de Rosalía e de Manuel María.
Esta actividade, que consta de dúas fases, celebrará a súa fase final o sábado, 22 de marzo, na Casa-Museo Manuel María, con participantes de distintos centros educativos de Galiza.
O concurso consiste no recitado de memoria de unha única poesía escollida libremente de entre a obra en galego de Rosalía ou de Manuel María. O xurado ten que valorar a autenticidade e naturalidade do recitado, ton, timbre, ritmo, pausas, dicción, inflexión da voz e expresividade de cada un dos recitados que participen, alén da súa memorización e nivel de dificultade.