A CEL aborda os retos do novo rexistro dixital de xornada nunha sesión informativa

LugoXa
Preto de trinta persoas participan nun encontro sobre unha normativa laboral en tramitación que terá impacto nas empresas
CEL-Lugo-xornada-rexistro-horario-empresas
25 Mar 2026

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) reuniu na súa sede central a preto dunha trintena de persoas nunha sesión informativa centrada no rexistro de xornada e nos retos que traerá a futura implantación do rexistro dixital obrigatorio, unha cuestión de gran impacto no ámbito laboral e de recursos humanos e que se atopa actualmente en fase de tramitación normativa.

O secretario xeral da CEL, Jaime López, foi o encargado de inaugurar o encontro, no que sinalou que a nova regulación “leva máis de medio ano en tramitación” e que, malia atoparse agora nun escenario de incerteza tras o recente ditame desfavorable do Consello de Estado, o máis probable é que o Ministerio de Traballo publique finalmente a norma. Neste contexto, subliñou a importancia de que as empresas “estean o máis informadas e preparadas posible”.

A xornada estruturouse arredor da análise do marco xurídico actual en materia de rexistro de xornada e dos principais desafíos que implicará a súa reforma, que introducirá a obrigatoriedade do rexistro dixital.

Para afondar nestas cuestións, a sesión contou coa participación de Elena Mancha, inspectora de Traballo e Seguridade Social na Coruña; Catarina Capeáns, socia responsable da área de Dereito Laboral de Vento Abogados & Asesores; e Jorge Cebreiros, CEO de InfoJC.

Elena Mancha realizou un repaso do marco legal vixente, regulado polo Estatuto dos Traballadores, destacando as diferenzas entre os rexistros de xornada en contratos a tempo completo e parcial, así como o procedemento de control por parte da Inspección de Traballo e os cambios que introduciría o proxecto de Real Decreto en tramitación.

Pola súa banda, Catarina Capeáns centrou a súa intervención na resolución de dúbidas prácticas relacionadas co cómputo do tempo de traballo efectivo, a interpretación da xurisprudencia e o correcto enchemento do rexistro. Neste sentido, subliñou a necesidade de que as empresas conten cun protocolo claro que defina que se considera tempo de traballo e como debe rexistrarse correctamente.

Finalmente, Jorge Cebreiros abordou as solucións tecnolóxicas dispoñibles para cumprir coa futura obrigación do rexistro dixital, destacando que estas ferramentas non só permiten adaptarse á normativa, senón que tamén facilitan a análise de datos útiles para mellorar a xestión empresarial e contribuír a reducir o absentismo laboral.

0.12453413009644