A CEL acollerá o 27 de abril unha xornada informativa sobre os fondos Next Generation
A sede central da CEL acolle mañá mércores, día 27 de abril, unha xornada informativa sobre a situación actual e perspectivas de futuro dos fondos Next Generation, organizada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
No encontro, que terá lugar de 10.00 a 11.30 horas, tamén se informará sobre outros programas de axuda para as empresas a nivel autonómico e contará coas intervencións do director xeral do Igape, Fernando Guldrís; do subdirector xeral de Proxectos Tractores do Igape, Santiago Álvarez, así como a exposición de experiencias empresariais.
A asistencia á xornada pode realizarse na modalidade presencial ou online.
Outros encontros
Ademais da xornada sobre fondos Next Generation, a CEL ten esta semana prevista unha intensa actividade con varios eventos empresariais pechados.
Así, a CEL inicia esta mesma tarde en Burela a programación presencial dos obradorios “O sector agroalimentario de Lugo ante o reto 4.0”, previstos na zona norte (con formación especializada para o sector pesqueiro), sur (en Monforte, que empezan mañá e poderán especial atención ao sector vitivinícola) e centro (en Lugo, onde empezan o xoves á tarde e que concentrará a empresas do sector agroalimentario en xeral).
Ao mesmo tempo, o xoves 28 á mañá a entidade ten tamén previsto un webinar en materia de prevención de riscos laborais, con información sobre riscos psicosociais e protocolos de acoso e organizado a través do seu Gabinete Técnico de Seguridade e Saúde Laboral coincidindo co Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo e, xusto despois, un encontro profesional con Carmen Lence na súa Escola de Empresarios, enmarcado nas accións do programa Reiníciache da Deputación Provincial de Lugo.
Lugo con Ucrania
Finalmente, a CEL lembra que esta semana, en horario de 10:00 a 13:00 horas, se manteñen as mesas de voluntarios da campaña #LugoconUcrania en Rúa Raína – esquina Praza Maior, Bispo Aguirre – esquina Seminario e Praza da Milagrosa, postas en marcha en colaboración con outras entidades como a Federación “Lucus Augusti” para recadar fondos para os nenos afectados polo conflicto bélico en Ucrania.