A CEL celebrou unha nova xornada no marco do programa Conecta Lugo
A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu un taller de traballo sobre como mellorar o acceso a financiamento público por parte das empresas para impulsar os seus proxectos, organizado no marco da iniciativa de Conecta Lugo, que conta co apoio da Xunta de Galicia.
O taller contou na apertura coas intervencións de Carmen José López, delegada territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e Guadalupe Hervera, do Departamento Xurídico - Laboral da CEL.
Ambas destacaron a necesidade de talleres de traballo como este para mellorar o coñecemento e achegamento das empresas, especialmente pemes e micropemes, a todo o compendio de apoios que a Administración pon á súa disposición, para mellorar as opcións de aproveitamento.
Así, traballouse en torno ao coñecemento das principais liñas de axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e dos apoios da Oficina Económica de Galicia e outras liñas de axudas da Xunta de Galicia, para o que se contou coas achegas técnicas de José Manuel Fernández García, subdirector de Asesoramento Empresarial do Igape.
Igualmente, orientouse sobre como crear un sistema propio de alertas (RADAR de axudas), sobre como crear un check list cos principais acertos e erros á hora de solicitar e tramitar axudas así como diferentes tipos de consultoras, centros e organismos intermedios que poden facilitar os procesos de coñecemento e solicitude de axudas.
A maiores, todas as empresas participantes recibirán asesoramento individualizado para valorar o seu caso de necesidade de financiamento e posibles opcións dentro da confidencialidade e recibirán un informe personalizado coas principais axudas que encaixan no seu perfil e posible data de publicación.