A CEL colabora con Altri para captar traballadores para a planta en Palas

LugoXa
A colaboración, que se inicia vía petición do departamento de Recursos Humanos de Greenfiber, articularase a través da Axencia de Colocación da organización
foto_arquivo_paro_desemprego
Foto recurso
2 Ago 2024

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) colaborará con Greenfiber na captación e xestión de talento para o seu proxecto industrial para fabricación de fibras téxtiles en Palas de Rei (proxecto GAMA). A colaboración, que se inicia vía petición do departamento de Recursos Humanos de Greenfiber, articularase a través da Axencia de Colocación da organización empresarial lucense, que funciona de forma gratuíta na provincia de Lugo para demandantes e ofertantes de emprego desde o ano 2014.

Tras dúas décadas en funcionamento, a Axencia de Colocación da CEL conta cunha ampla base de datos curricular, en continua renovación. Calquera interesado en emprego na provincia de Lugo pode enviar a súa candidatura á Axencia a través de modelo normalizado descargable na web da Confederación, www.cel.es, do mesmo xeito que as empresas con postos vacantes poden presentar ofertas.

Para estruturar a colaboración, CEL e Greenfiber asinarán en próximas datas un convenio marco que establece diferentes accións que pivotarán sobre unha serie de temáticas clave, concretamente “xeración de emprego”, "mellora da cualificación profesional e da empregabilidade”; “xeración de novos proxectos e iniciativas empresariais” e “promoción xeral do desenvolvemento socioeconómico de Lugo”. Greenfiber está nestes momentos en materia de emprego na primeira fase de xestión dos postos de traballo que xerará en Palas de Rei, que é a de captación de talento, para a que puxo en marcha un sección específica de emprego na súa páxina web www.greenfiber.es.

Na devandita web especifícase que “o deseño do proxecto requirirá de persoas cunha ampla variedade de perfís profesionais” e destacan catro áreas: produción (para a que necesitarán cubrir postos de técnicos de produción, coodinadores de proceso, técnicos especialistas de proceso, técnicos de proceso e auxiliares de proceso); mantemento (para a que se detallan postos de técnicos de programación, xefes de equipo, instrumentistas, mecánicos, técnicos de control de potencia ou técnicos de IT industrial); control técnico e sistemas de xestión (técnicos e analistas de laboratorio, técnicos de seguridade, técnicos de medio ambiente, técnicos de sistema integrado de xestión ou técnicos de desenvolvemento de produto) e enxeñería (deseñadores e proxectistas), así como perfís para os postos de apoio e asesoramento ao área produtiva”.

Todas aqueles candidatos que por cualificación ou experiencia non encaixen nos postos mencionados poderán optar a formarse coa empresa para formar parte do equipo. Desde a Axencia de Colocación da CEL animan aos posibles candidatos a enviar os seus datos a través da propia web de Greenfiber (www.greenfiber.es) nesta primeira fase de captación.

0.2129590511322