A CEL e Inserta Emprego firman un convenio para fomentar a ocupación de persoas con discapacidade
O secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime Luís López, e a directora rexional de Inserta Emprego en Galicia, Beatriz Gallego, asinaron un convenio para fomentar o emprego das persoas con discapacidade.
Jaime Luís López afirmou que “dentro das súas liñas de traballo en materia de emprego, a CEL sempre mantivo programas e colaboracións específicas con entidades preocupadas pola inserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade, e Inserta Emprego é unha das entidades que realiza un traballo excelente neste ámbito, coa que a CEL, por tanto, subscribe un acordo que resultará frutífero para a consecución dos obxectivos de ambas as entidades”.
Pola súa banda, Beatriz Gallego destacou a importancia que ten para Inserta Emprego converterse en socio estratéxico dunha entidade do mundo da empresa como a CEL. “En Inserta Emprego traballamos para mellorar o emprego e a formación das persoas con discapacidade, pero somos conscientes de que sós non o podemos facer, e acordos como o que acabamos de asinar permítennos compartir recursos e sinerxias con quen ten na súa man o impulso da contratación de persoas con discapacidade”.
O convenio prevé poñer ao dispor das empresas membro da CEL os servizos de intermediación laboral de Inserta Emprego, a realización de accións de formación para o emprego para persoas con discapacidade adecuadas ás necesidades dos membros da asociación de empresarios, e a promoción de estudos sectoriais para identificar posibilidades de emprego para persoas con discapacidade.
Tamén contempla o establecemento dunha estratexia de divulgación, información e asesoramento dirixida para que os integrantes da asociación coñezan as vantaxes da contratación de persoas con discapacidade, os incentivos e beneficios sociais, así como casos de boas prácticas na súa contratación.
En 2022, a entidade de Fundación ONCE conseguiu en Galicia un total de 831 contratos para persoas con discapacidade, orientou a 3.170 persoas demandantes de emprego, e impartido 134 accións formativas para a mellora da empregabilidade nas que participaron 1.620 alumnos.
Este convenio enmárcase nos programas operativos de Inclusión Social e da Economía Social (Poises) e de Emprego Xuvenil (POEJ), que está a desenvolver a Fundación ONCE a través de Inserta, co cofinanciamento do Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, para incrementar a formación e o emprego das persoas con discapacidade.
Inserta Emprego
Inserta Emprego é a entidade de recursos humanos de Fundación ONCE expertos na atención ás persoas con discapacidade, e centra a súa actividade en mellorar a súa formación e conseguir a súa inclusión no mercado laboral. Conta cunha experiencia de máis de 25 anos e un equipo de expertos en orientación e intermediación, repartidos polas súas 46 oficinas en toda España. Axuda ás persoas con discapacidade a atopar emprego, as forma se é necesario, e ofrece ás empresas os mellores candidatos para os postos que necesitan cubrir. Todo iso de forma gratuíta.