A CEL finaliza o ano en A Fonsagrada repasando o traballo desenvolvido e planificando 2026

LugoXa
O encontro resaltou as oportunidades da montaña lucense para impulsar o emprendemento e combater o despoboamento
CEL-Concello-da-Fonsagrada
19 Dec 2025

Directivos da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) desprazáronse a A Fonsagrada para celebrar a última xuntanza de goberno do ano, na que aprobaron as accións realizadas nos últimos meses e debatiron o plan de actuación de cara a 2026.

O alcalde da Fonsagrada, Carlos López, recibiu á directiva da CEL no salón de plenos do Concello e entregou ao conselleiro delegado da organización, Eduardo Valín, unha réplica da histórica “fonte sagrada” que dá nome á vila, un monumento situado no núcleo urbano, emblemático do Camiño de Santiago e parada habitual dos peregrinos.

Dende a CEL resaltan as amplas posibilidades que ofrece a montaña lucense para frear o despoboamento e o envellecemento da poboación, sobre todo en sectores como o turístico e o agroalimentario. Insisten na importancia de fomentar novas iniciativas empresariais e profesionalizar as actividades existentes mediante o peche de ciclos produtivos, tendo a industria cárnica local, cada vez máis consolidada, como exemplo de tradición e calidade.

Durante a reunión, a organización lucense repasou o labor realizado ao longo de 2025, destacando o mantemento de servizos orientados ao apoio directo ao empresario provincial, como Conecta Lugo, centrado en información e asesoramento en innovación, sustentabilidade e competitividade, e os Gabinetes de Igualdade e Prevención de Riscos Laborais, deseñados para axudar ás pequenas e microempresas a adaptarse á normativa vixente.

Todos estes servizos, financiados pola Xunta de Galicia, permitiron atender máis de cen consultas anuais de forma personalizada, complementadas con xornadas presenciais e en liña, obradoiros e outras accións informativas de maior alcance.

A CEL tamén desenvolveu actividades en comercio exterior e internacionalización co respaldo da Deputación de Lugo, xunto con outros servizos de orientación laboral e emprego, proxectando continuar con estas liñas de traballo ao longo de 2026.

⚙ Configurar cookies
0.083539962768555