A CEL lembra a importancia de acadar contornas de traballo seguros nunha xornada
Convocada no Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo para analizar a situación das prevención de riscos laborais nas empresas, reuniu a preto de corenta asistentes.
Preto de corenta persoas asistiron á xornada informativa Contorna de traballo seguro e saudable como dereito fundamental, organizada hoxe pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo 2023.
A xornada, celebrada en formato presencial e telemático, foi inaugurada pola secretaria xeral adxunta da CEL, Lourdes Pardo, que lembrou que foi a Conferencia Internacional do Traballo de 2022 a que deu un paso adiante ó recoñecer “o dispor de contornas de traballo seguros e saudables como dereito fundamental”, o que “nos obriga a considerar con maior atención e coidado os principios e medidas de prevención de riscos laborais que xa se viñan aplicando nos centros de traballo, asegurando o benestar e a saúde de todos”.
Cultura preventiva
A xornada contou coas achegas de Pedro Bruzos, director técnico de Previsinor (Grupo Isonor), que destacou a importancia de implantar una axeitada cultura preventiva en todos os niveis da organización, subliñando como ventaxas desta unha maior motivación, compromiso e produtividade dos traballadores, unha reputación empresarial máis positiva ou o impacto na retención de talento, esencial nun momento no que as empresas teñen dificultades tanto para atopar como para reter profesionais.
Esta xornada organizouse no marco das actuacións do presente exercicio do Gabinete Técnico de Seguridade e Saúde da CEL, un servizo posto en marcha pola organización empresarial co financiamento da Xunta de Galicia para facilitar información e asesoramento ás empresas da provincia de Lugo en materia de prevención de riscos laborais.