A CEL organiza o Foro Económico ‘Industrialización sostible’ en Lugo

LugoXa
O encontro busca fomentar o diálogo entre empresas, administración e academia para avanzar na transición ecolóxica da industria provincial
Conecta-Lugo-CEL
13 Nov 2025

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), no marco da iniciativa CONECTA LUGO, organiza o Foro Económico titulado ‘Industrialización sostible’, un espazo pensado para debater sobre os retos industriais da provincia e promover o diálogo entre o tecido económico, social e académico lucense.

O obxectivo principal do encontro é xerar ideas e fórmulas prácticas que permitan afrontar o desafío da transición ecolóxica e sustentable a través da industrialización dos sectores con maior peso e proxección na economía provincial, como o agroalimentario.

O Foro terá lugar no Hotel Méndez Núñez de Lugo o próximo martes 25 de novembro, en horario de 9:15 a 14:00 horas. Contará cun relatorio maxistral de Deborah García Belo (Deborah Ciencia), ademais de intervencións de representantes da Administración, a Universidade e o mundo empresarial. A programación inclúe intervencións individuais sobre a “Transición de Lugo cara á industrialización sostible” e mesas redondas con temáticas como “Ciencia a favor do territorio” ou “Lugo fronte ao reto industrial”.

Con este Foro practicamente se pechan as actividades de 2025 de CONECTA LUGO, unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e da Confederación de Empresarios de Lugo, destinada a reforzar a competitividade das empresas lucenses mediante servizos de información e asesoramento personalizado.

⚙ Configurar cookies
0.072556972503662