A CEL organiza unha xornada sobre rexistro de xornada e os retos do novo rexistro dixital

LugoXa
A sesión, co apoio da Xunta de Galicia, terá lugar o 25 de marzo e abordará as novidades legais e tecnolóxicas en materia laboral
CEL-Check-Laboral-Lugo
13 Mar 2026

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), co apoio da Xunta de Galicia, organiza o próximo 25 de marzo de 2026 a xornada informativa titulada “O rexistro de xornada e os retos do novo rexistro dixital”.

A cita desenvolverase en formato presencial na sede central da CEL, en horario de 10:00 a 11:30 horas, e está aberta á asistencia de todas as persoas interesadas, aínda que as prazas son limitadas e require formalizar a inscrición a través da web da CEL ou chamando ao teléfono 982 23 11 50.

Durante a sesión analizarase o réxime xurídico vixente sobre o rexistro de xornada, conforme ao artigo 34.9 do Estatuto dos Traballadores, e abordarase tamén a futura reforma normativa que establecerá o rexistro dixital obrigatorio. A exposición centrarase na correcta delimitación do tempo de traballo efectivo, na prevención de continxencias xurídicas e na adecuación dos sistemas empresariais ás novas esixencias legais.

Para desenvolver estes contidos, a xornada contará coas achegas de Elena Mancha, inspectora de Traballo e Seguridade Social; Catarina Capeáns, socia responsable da área de Dereito Laboral de Vento Avogados & Asesores; e Jorge Cebreiros, CEO de InfoJC, empresa especializada en solucións tecnolóxicas para o rexistro de xornada. A sesión rematará cun café-networking que permitirá aos asistentes intercambiar impresións sobre os temas tratados.

0.12464690208435