A CEL organizou a xornada formativa 'Novidades normativas 2025', que acolleu gran público

LugoXa
O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, destacou a importancia de preparar ao sector empresarial para afrontar un contexto de constante cambio normativo
Xornadas-Novidades-Normativas-CEL
12 Dec 2024

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou na xornada informativa 'Novidades normativas 2025. Como preparar á nosa empresa? Novidades fiscais e factura electrónica', organizada pola Confederación de Empresarios (CEL) co apoio da Deputación de Lugo.

O evento reuniu a representantes do tecido empresarial da provincia e contou coa participación de destacados expertos da firma Deloitte, quen analizaron os cambios normativos previstos para 2025 en materia de reformas fiscais e a implantación obrigatoria da factura electrónica.

Na apertura da xornada, Carlos López, destacou a importancia de preparar ao sector empresarial para afrontar un contexto de constante cambio normativo. Subliñou que “os cambios no imposto sobre sociedades e outras reformas fiscais en marcha requiren que as empresas se adapten para evitar sancións e mellorar a súa competitividade”.

Ademais, indicou que “os cambios normativos, ademais dos seus retos, representan unha oportunidade para mellorar os procesos internos, optimizar a xestión e facer as empresas máis competitivas no mercado global".

O deputado tamén puxo en valor a intensa colaboración entre a Deputación e a CEL, así como cos axentes do tecido produtivo da provincia. “Esta colaboración foi esencial para facer fronte aos desafíos actuais, e estou convencido de que continuará sendo unha das claves para impulsar o desenvolvemento económico e social da provincia”, subliñou López.

⚙ Configurar cookies
0.35543584823608