A CEL pide colaboración para que o Museo da Romanización de Lugo sexa unha realidade canto antes

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) solicitou á Xunta de Galicia e ao Concello de Lugo unha colaboración leal e construtiva para que o Museo da Romanización na cidade se faga realidade o antes posible. A entidade, que forma parte da Plataforma MVRO desde a súa creación, subliña que “a paralización deste proxecto durante tantos anos é un freo ao desenvolvemento socioeconómico de Lugo”.
A CEL sinala que a falta dun museo deste tipo nunha cidade cun pasado romano como Lugo priva á cidadanía dun recurso imprescindible para a preservación da súa historia e identidade, ao tempo que limita un instrumento que reforzaría o atractivo turístico e cultural da cidade.
A organización empresarial tamén apunta que os inxentes restos arqueolóxicos que poderían nutrir o museo —máis de 15.000 pezas catalogadas e outros recursos por inventariar— permitirían non só a súa conservación e exposición, senón tamén promover a investigación, a recuperación de novos restos e a aparición de novos achados, “enriquecendo o xa de seu inmenso valor patrimonial da cidade”.
Segundo a CEL, Lugo consolidouse nos últimos anos como destino turístico, cun crecemento constante de visitantes e das taxas de ocupación, pero segue a ser percibida principalmente como un destino de paso. Neste contexto, o Museo da Romanización converteríase nun atractivo de primeira orde para alongar a estancia dos turistas.
A organización confía en que, “do mesmo xeito que coa unión de todos se acadou a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade fai 25 anos, a unión hoxe permitirá facer realidade o Museo da Romanización e situar Lugo como destino turístico e cultural de primeira orde entre os destinos con vestixios romanos en España”.