A CEL presenta un proxecto sobre comunidades enerxéticas para dar resposta ao despoboamento do rural

LugoXa
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, participou esta mañá xunto ao secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López; ao deputado provincial, Pablo Rivera; e o presidente da asociación de instaladores electricistas e de telecomunicacións da provincia, na presentación do novo proxecto sobre comunidades enerxéticas da CEL.
27 Dec 2023

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, participou esta mañá xunto ao secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López; ao deputado provincial, Pablo Rivera; e o presidente da asociación de instaladores electricistas e de telecomunicacións da provincia, na presentación do novo proxecto sobre comunidades enerxéticas da CEL.

A través desta Oficina, que prestará atención presencial na sede da CEL en horario de mañá, móbil nas diferentes localidades da provincia de Lugo a través dos Concellos e da Deputación de Lugo en datas concretas, e virtual a través da web, organizaranse diferentes accións de divulgación e asesoramento en materia de comunidades enerxéticas, promovendo a adopción de tecnoloxías renovables e a xestión responsable dos recursos en cada localidade e promocionando e dinamizando posibles comunidades enerxéticas na provincia por parte de cidadáns, pemes e entidades locais.

O secretario xeral da CEL destacou na súa intervención que en Galicia se concederon un total de cinco axudas para o impulso de comunidades enerxéticas e que “a Confederación de Empresarios de Lugo é a única organización empresarial adxudicataria dunha subvención deste tipo nesta Comunidade Autónoma”. Subraiou que a OTC CEL supón “un primeiro paso no camiño da necesaria transición noso sistema enerxético".

Oportunidade para o rural

Do mesmo xeito, recalcou que a Deputación de Lugo e os Concellos son un punto imprescindible “para o éxito desta primeira fase de achegar e dar a coñecer entre as empresas e outras entidades e a ciudadanía as posibilidades das comunidades enerxéticas así como para liderar a súa creación”. Pola súa banda, a subdelegada do Goberno fixo fincapé na importancia da
“colaboración público – privada” para a posta en marcha de iniciativas como esta, que se pode constituir nunha “oportunidade única” para o rural, para camiñar na necesaria “autonomía enerxética a través do desenvolvemento comunitario”.

A subdelegada agradeceu á Confederación a posta en marcha desta iniciativa á que se referiu como “pioneira e innovadora para dar resposta a grandes desafíos da actualidade como o despoboamento do noso rural derivado da falta de recursos e servizos, o illamento tecnolóxico en zonas afastadas dos núcleos urbanos, ou a optimización dos recursos enerxéticos”.

O proxecto conta co apoio do Goberno a través do Plan de Recuperación e está centrado na creación de comunidades enerxéticas, que se materializan a través dunha Oficina de Transformación Comunitaria ofrecendo asesoramento e proporcionando recursos e asistencia técnica a comunidades interesadas en adoptar tecnoloxías renovables.

Comunidades enerxéticas

Finalmente, Pablo Rivera resaltou que “a transición ecolóxica e enerxética son pilares” nas políticas do Goberno de España e que as comunidades enerxéticas son unha fórmula para “producir enerxía limpa” e unha “alternativa” fronte á subida dos prezos da luz. As comunidades enerxéticas son entidades que buscan fomentar o uso de enerxías renovables e o autoconsumo e aforro enerxético.

Hai de dous tipos: comunidades de enerxías renovables, compostas por persoas físicas ou xurídicas que se asocian para desenvolver proxectos de enerxías renovables na súa proximidade, co obxectivo de obter beneficios económicos, ambientais ou sociais; e comunidades cidadás de enerxía, compostas por persoas físicas que se asocian para producir, consumir e xestionar a súa propia enerxía renovable, co fin de reducir a súa dependencia enerxética e promover a transición cara a un modelo enerxético máis sustentable.

0.18130993843079