A CEL reúne ao tecido empresarial lucense para avaliar os retos normativos do 2026

LugoXa
Un encontro con especialistas pon o foco na hiperregulación normativa e nos retos que afrontan especialmente as pequenas compañías da provincia
CEL-Check-Laboral-Lugo
2 Dec 2025

Arredor de vinte e cinco persoas participaron na xornada informativa Check laboral. Está preparada a túa empresa para o cumprimento das obrigas en materia laboral de cara ao próximo exercicio?, un encontro promovido pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e financiado pola Xunta de Galicia no marco das medidas vinculadas ao diálogo social na comunidade autónoma.

A sesión foi aberta polo secretario xeral da CEL, Jaime López, e pola delegada territorial en Lugo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López. Xunto a eles interviñeron Mabel Carballeira, técnica do departamento laboral de Álvarez Real S.L.; Cristóbal Piñón, responsable da área de Prevención en Galicia de Ibermutua; e Montse Abella, directora de Recursos Humanos do Grupo El Progreso.

Na inauguración, Jaime López destacou que estas datas son un momento axeitado para que as empresas “avalen en que medida están a cumprir coas súas obrigas, que cuestións deben actualizar ou perfeccionar pensando en 2026 e que cambios serán necesarios unha vez se concreten as novidades normativas”. Pola súa parte, Carmen José López lembrou que xa está en marcha a elaboración do Decreto de diálogo social de Galicia, co obxectivo de “adaptar este espazo de negociación colectiva ás novas realidades laborais, renovar a composición das mesas que o integran, reforzar o seu papel e crear novos grupos de traballo para afrontar desafíos como o absentismo”.

A xornada incluíu tres relatorios centrados en explicar a situación actual e os cambios máis recentes na normativa laboral. Como conclusión común, tanto os expertos como os asistentes puxeron de manifesto a elevada presión que soportan as empresas, obrigadas a asumir un gran número de esixencias en múltiples ámbitos, dende a contratación e a igualdade até a conciliación, a protección de datos, o rexistro de xornada, o teletraballo e outros requisitos que requiren unha actualización constante.

Subliñouse ademais a dificultade de acadar un cumprimento integral debido tanto á hiperregulación normativa como, en ocasións, á falta de precisión nos procedementos tras a publicación de novas disposicións. Un reto especialmente complexo para as pequenas e microempresas, que representan case a totalidade do tecido empresarial da provincia de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.081273078918457