A Chanca e o Parque Rosalía acollerán música en directo e circo no mes de agosto
Este mes de agosto a cidade de Lugo énchese de concertos en directo e espectáculos circenses todas as tardes dos mércores e xoves no marco da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. Deste xeito, os mércores o circo será o protagonista en diversas prazas e zonas da capital; mentres que os xoves o barrio da Chanca acollerá música en vivo de diferentes artistas galegos e portugueses.
A primeira destas actuacións será no parque Rosalía de Castro acollerá o mércores ás 18.00 horas a actuación familiar Cuacac, a cargo de N+1, que incluirá un espectáculo de clown, danza e malabares. Mentres que o xoves, no barrio da Chanca, terá lugar o concerto do grupo Sin tron ni son, a partir das 21.00 horas.
Todas as citas son totalmente gratuítas e abertas ao público. “Queremos ofrecer a lucenses e visitantes unha oferta lúdica e de lecer ampla e variada neste verán, ao tempo que achegamos toda a riqueza cultural de Galicia e Portugal”, lembrou Lara Méndez, quen apuntou que “este ano conmemoramos o 150 aniversario da construción do viaduto da Chanca e que mellor forma de facelo que concentrando neste barrio boa parte das actividades para convidar á cidadanía a visitalo, tendo como reclamo o atractivo destas actuacións”.
Toda a información sobre o calendario de actividades de agosto e o resto da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, como datas ou horarios, pode atoparse na seguinte páxina web
Programación de TítereCirco (18.00 horas)
Día 9.- Cuacac (clown, danza, malabares e aéreos). Parque Rosalía de Castro.
Día 16.- Coa música a outra parte (guiñol). Praza do Castiñeiro.
Día 23.- Nougat (clown). Parque da Milagrosa.
Día 30.- Marionetas musicais (marionetas). Zona fluvial.
Aprazado (pendente de nova data).- Circo Galaico (marionetas). Praza Augas Férreas.
Programación de concertos na Chanca (21.00 horas)
Día 10.- Sin tron ni son
Día 17.- Big Band Theory
Día 24.- Superglú
Día 31.- Alda Várez & Richi Ponce