“Este convenio permite lograr un triplo obxectivo: en primeiro lugar, valorizar un inmoble cunha gran relevancia histórica e patrimonial; en segundo lugar, realizar unha importante labor de divulgación sobre os recursos naturais; e por último, promover a nosa enogastronomía, creando un centro turístico que será un referente para toda Galicia. Lugo sempre se asociou coa excelencia gastronómica, e debemos aproveitar esa potencialidade para beneficiar á nosa cidade”, afirmou a rexedora.
A través deste convenio, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) concede ao Concello de Lugo a xestión da Fábrica da Luz, para destinar o complexo á divulgación de prácticas sostibles no uso da auga e das enerxías renovables, así como outros usos culturais previstos no Plan de Sostenibilidade Turística.
A concesión terá unha duración inicial de 50 anos, con posibilidade de prórroga ata un máximo de 75 anos. Para a xestión deste acordo, establecerase unha comisión mixta composta por dous representantes de cada institución, que se encargará de coordinar as actuacións, supervisar a execución do convenio e asegurar o cumprimento dos compromisos adquiridos por ambas as partes.
Así, o Goberno local será o encargado de rehabilitar e adaptar o edificio para os novos usos. Pola súa parte, a CHMS manterá a propiedade dos elementos anexos ao edificio e velará pola súa conservación e posta en valor. Con isto, a contorna da Fábrica da Luz recuperará o seu antigo esplendor, e elementos como a represa de captación, a canle de restitución e os caneiros asociados ao complexo serán restaurados para servir de base a actividades de divulgación.
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación, destacou a importancia de poñer ao servizo da cidadanía este espazo na beira do río e resaltou a colaboración entre as administracións para acadar este obxectivo. "Este é un paso importante para dar unha nova vida a este patrimonio etnográfico de gran valor para os lucenses", indicou.