A CHMS constrúe en Friol unha nova estación da Rede SAIH
No seu esforzo por mellorar a xestión e control dos recursos hídricos, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), dá un paso máis coa construción dunha nova estación do Sistema Automático de Información Hidrolóxica (SAIH) no río Narla, ao seu paso polo municipio lucense de Friol.
As estacións SAIH proporcionan datos, cada 5 minutos, ao Centro de Control de conca (CECU), o que facilita a toma de decisións ante situacións de risco.
Cun investimento de máis de 54.000 euros, a construción desta nova estación permitirá rexistrar e transmitir en tempo real datos hidrometeorolóxicos esenciais para a súa explotación e análise no Centro de Control de Conca (CECU).
Estas accións non só buscan mellorar a capacidade de resposta fronte a emerxencias, senón tamén optimizar o uso sostible da auga para minimizar o impacto no cambio climático e previr fenómenos meteorolóxicos extremos.
As accións realizadas baixo o proxecto Poctep Risc_Plus están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa Interreg VIN A España – Portugal (Poctep) 2021-2027, que promove proxectos de cooperación transfronteiriza co apoio da Unión Europea.
O investimento previsto ascende a 54.242 euros, sufragados 40.681 a través do proxecto europeo Poctep Risc_Plus.