A CHMS rexeita a concesión do Fluvial por non eliminar construcións en dominio público hidráulico
O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, levou a cabo na mañá de hoxe unha roda de prensa para tratar a concesión do Club Fluvial. Así pois, tratáronse dous puntos fundamentais: o dominio público hidráulico e as concesións ás que estivo sometido o Club Fluvial, a causa da primeira cuestión.
Según Quiroga, a concesión do Club Fluvial arrancou en 1998, ano no que se produciu a primeira delas. Este tipo de concesións son por 20 anos, polo que a finalización da mesma produciuse no ano 2018. Dende o Club Fluvial solicitaron unha nova para continuar coa explotación dos terreos, sen embargo, esta decaeu pola falta de documentación que se require. Así mesmo, Quiroga destacou que este tipo de concesións se ofrecen en concurrencia competitiva polo que, ademais do Fluvial, tamén solicitaron esta concesión o Forus e un grupo ecoloxista, entidades ás que tampouco se lles concedeu.
Xa no ano 2020, o Club Fluvial voltou a iniciar un novo procedemento de concesión ao que tamén incurriu un grupo ecoloxista que non aportou documentación, polo que xa decaeu en primeira instancia. Polo seu lado, "o Club Fuvial decae porque o proxecto que presenta non contempla a eliminación de certos obstáculos ou construcións que están no dominio público hidráulico. Ese é o motivo polo cal decae o segundo intento de concesión do Fluvial", argumentou Quiroga.
Así pois, os obstáculos aos que se referiu o presidente son: a piscina que se atopa no cauce do río, o peitoril que se atopa entre terra firme e o río e o peche da servidume, elementos que o Fluvial non contemplou demoler e que, por esa razón, a concesión non seguiu adiante. Por outro lado, hai outras instalacións que poden desaparecer ou someterse á disposición do plan hidrolóxico, como son as pistas de tenis ou algunha das canchas.
A continuación, tamén sinalou que sempre que algunha entidade solicite o proceso de concesión se abriría un novo prazo para ela, sempre dende o ámbito da concurrencia competitiva. No caso actual do Club Fluvial, este ten a opción de recurso diante da propia Confederación Hidrográfica ou de recurso contencioso administrativo e, polo momento e tal e coma comentou o presidente, o Fluvial redactou un escrito para a petición dunha mesa de diálogo á que "se lle dará cita nestes días".
Finalmente, Quiroga sinalou que o Club Fluvial aínda vai a poder manter a actividade ao longo deste verán coma realizou durante o tempo que pasou dende que se iniciou o expediente de caducidade ata agora "debido á petición de concesión e a que os trámites están en proceso". Así pois, a tramitación da extinción continuará.
Territorio de dominio público hidrográfico
Dende a Confederación quixeron deixar claro o que se denomina dominio público hidráulico, xa que é por iso polo que decae a concesión número dous do Fluvial "o dominio público hidráulico é un terreo público e pódese considerar coma aquela zona colindante do río que, nun período entre 3 e 5 anos, resulta inundado. Despois deso, o que se establece é o paso de servidume, que son 5 metros. Hai que aclarar que se pode conceder unha servidume alternativa se é que a servidume a partir do dominio público hidráulico é difícil ou imposible ou causa un grande perxuízo. Neste caso en concreto ofrecíase ao concesionario unha servidume alternativa".
No plano pódese diferenciar a liña que marca o límite de DPH cartográfico, así coma o límite da zona de servidume e as construcións que quedan dentro desa limitación.