A CHMS remata as obras de rehabilitación do saneamento no Cebreiro

LugoXa
O investimento, superior aos 700.000 euros, permitiu renovar a rede de sumidoiros, mellorar o abastecemento e integrar infraestruturas sen alterar o valor patrimonial do lugar
saneamento-canalización-e-recollida-de-augas-pluviais-Pedrafita
16 Oct 2025

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, vén de finalizar as obras de rehabilitación do sistema de saneamento no núcleo de O Cebreiro, no concello de Pedrafita do Cebreiro. A actuación contou cun investimento superior aos 700.000 euros, financiado integramente pola CHMS.

En O Cebreiro existía un sistema de saneamento unitario que mesturaba as augas pluviais de escorrentía coas residuais, un modelo habitual en núcleos illados, pero que provocaba problemas de funcionamento en época de choivas pola acumulación de caudal.

Os traballos permitiron a renovación completa da rede de saneamento e a canalización das augas pluviais, evitando así que boa parte delas chegue á estación depuradora. Ademais, renovouse a rede de subministración eléctrica e o alumeado público, reforzouse o abastecemento de auga e instaláronse canalizacións para dotar o núcleo de fibra óptica.

Durante a reposición dos pavimentos executáronse máis de 2.000 metros cadrados de empedrado tradicional en chapacuña. “O valor patrimonial deste lugar obrigou a empregar materiais autóctonos que se integran na beleza e nas características propias dunha zona cargada de lendas, tradicións, natureza, cultura e historia”, explicou Quiroga.

A superficie de adoquinado a restituír incrementouse durante a execución das obras, o que levou a priorizar as rúas nas que fora necesario renovar as canalizacións dos distintos servizos. Neste sentido, e para preservar a homoxeneidade estética dun núcleo que destaca pola súa arquitectura tradicional de montaña, baseada na pedra e na lousa, está previsto asinar unha adenda ao convenio existente entre a CHMS e o Concello de Pedrafita do Cebreiro.

Esta ampliación incluirá a execución de instalacións accesorias de recollida de augas pluviais de dúas pallozas, así como a renovación das bocas de incendio que dan servizo a estas construcións. O orzamento estimado para estas obras complementarias ascende a 55.000 euros.

“O traballo conxunto entre institucións é clave para acadar proxectos que melloren e preserven a calidade dos nosos cauces. A colaboración dos gobernos locais é fundamental, pois actúan como o canal máis directo e coñecedor das necesidades reais das zonas que representan”, concluíu o presidente da CHMS.

⚙ Configurar cookies
0.071554899215698