A CHMS traballa en catro ríos dos concellos de Outeiro de Rei, Quiroga e Lugo

LugoXa | TerraChaXa | RibeiraSacraXa
Mantén e mellora as funcións hidráulicas do Pequeno, Santa Marta, Quiroga e Lavandeira
rios-confederacion
15 Feb 2025

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, continúa os traballos de conservación e mellora dos ríos da demarcación.

Na provincia de Lugo, 4 brigadas compostas por 5 operarios especializados cada unha, traballan nos municipios de Outeiro de Rei, en 2 tramos que suman máis de 7,5 quilómetros dos ríos Pequeno e Santa Marta; en Quiroga, en 3,5 km do río Quiroga; e, a próxima semana, iniciaranse as actuacións programadas en 650 metros do rego Lavandeira, ao seu paso por Lugo.

En Outeiro de Rei, trabállase nos ríos Pequeno e Santa Marta, intervencións de natureza puntual e selectiva, consistentes na retirada de árbores secas, en pé e derrubados ou con estabilidade comprometida, ademais de eliminación de tapóns e de Especies Exóticas Invasoras (Phyllostachys sp.)

No rio Quiroga, nun tramo que presenta a capacidade hidráulica mermada e situado en zona ARPSI, retíranse tapóns illados, árbores secas ou comprometidas e especies exóticas invasoras (Phyllostachys sp.), ademais, realízanse podas selectivas para mellorar a composición da vexetación de ribeira.

Por último, no rego Lavandeira, iniciarase unha actuación a próxima semana; traballos de natureza puntual e selectiva para a retirada de tapóns ao longo de 650 m en zona ARSI, actuacións que mellorarán a capacidade hidráulica do leito.

É importante destacar que no caso de curtas de amieiros, están a aplicarse as medidas ou recomendacións profilácticas co obxecto de evitar a propagación de Phytophthora alni.

Actuacións que mellorarán a capacidade hidráulica dos leitos evitando os obstáculos ao paso de auga.

O investimento estimado á finalización dos traballos enumerados superará os 135.000 euros.

0.14856696128845