A cidadanía está convocada este venres ao acendido do alumeado de Nadal
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, convidou a toda a veciñanza de Lugo a asistir este venres ao acto de acendido do alumeado de Nadal, que este ano correrá a cargo da mestra de lingua galega Matilde Fernández, (Matuquín), integrante de Fuxan os Ventos entre o 1972 e 1976. O acto terá lugar a partir das 19:00 na praza Maior, e o Alumeado de Nadal permanecerá en funcionamento ata o 8 de xaneiro de 2023, en horario de 18:00 a 00:30 horas durante a semana, e de 18:00 a 03:00 as fins de semana e vésperas de festivos.
En total, o alumeado de Nadal conta con 778 elementos decorativos e preto dun millón de microleds. Este ano colocaranse nas distintas rúas e prazas un total de 189 arcos luminosos e distintos elementos ornamentais, entre os que destaca a decoración de 100 farolas ou a colocación de figuras en 3D na praza de Santo Domingo, preto da Praza de Abastos, que contará como mínimo con 2.600 puntos de luz e a decoración de varias rotondas da cidade con árbores de 8 metros de altura e 1.900 puntos de luz. Noutras prazas, instalaranse outros motivos en 3D cun mínimo de 2.000 puntos de luz ou árbores de 3 metros de altura e 12.000 puntos de luz.
O percorrido do Camiño Primitivo recibirá unha decoración especial e as letras Lugo Km 100 colocadas na praza do Camiño Primitivo serán decoradas con luces. A árbore da praza Maior, fronte ao Concello, ten de 20 metros de altura e a praza Maior conta con figuras que poderán ser utilizadas como photocall. A nova praza da Mosqueira conta tamén con elementos decorativos de máis de 1.500 puntos de luz. Os arcos instalados inclúen como novidade elementos visibles durante o día.