A cidade acollerá desde o martes o Congreso Estatal de Salas de Música en Vivo

LugoXa
O congreso reunirá en Lugo entre 70 e 80 representantes de locais de música en directo de toda España
presentacion-do-congreso-de-salas-de-musica-en-vivo
Praza de Ferrol
13 Xuño 2024

A Xunta colabora coa organización do 19º Congreso Estatal de Salas de Música en Vivo, que se desenvolverá en Lugo os días 18, 19 e 20 de xuño organizado pola Asociación Estatal de Salas Privadas de Música en Directo (ACCES).

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, e o director da Axencia Galega das Industriais Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participaron hoxe na presentación do programa na Delegación Territorial da Xunta xunto cos representantes da asociación promotora (ACCES) Alberto Grandío -actual presidente -; e Tino Freijo.

O congreso reunirá en Lugo entre 70 e 80 representantes de locais de música en directo de toda España para abordar en común temas de interese para o sector. Dentro da programación figuran paneis e talleres sobre dixitalización, protocolos contra as violencias sexuais, seminarios sobre contratación, plans de seguridade para espazos de música en vivo e novos modelos de financiamento. Tamén se presentará un decálogo de accesibilidade para salas de concertos, entre outros asuntos.

O encontro comezará o martes 18 coa celebración da 20ª asemblea xeral de ACCES, tras a cal os participantes se desprazarán á sede da Xunta para participar nun acto de benvida. A programación inclúe os concertos de Alberto & García e Gilipojazz en espazos de música lucenses; e péchase o xoves 20 cunha visita cultural pola cidade. Tamén haberá un recoñecemento da SGAE á sala Clavicémbalo pola súa traxectoria.

Arias e Sutil salientaron o apoio da Xunta aos locais de concertos con medidas como a convocatoria de subvencións da Rede Galega de Música ao Vivo, que destina 400.000 euros á programación 2024-2025 co obxectivo de impulsar uns 300 concertos en 13 salas galegas. O obxectivo é garantir a estabilidade na oferta musical en directo, máis alá de eventos de gran formato como os festivais, ao tempo que se fomenta a contratación de solistas e grupos galegos e a presenza nos carteis de artistas femininas.

programa-congreso-salas-de-musica
0.2264518737793