A cidade amurallada presentarase en Fitur cunha aposta polos museos e a cultura

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, asistirá un ano máis á Feira Internacional de Turismo Fitur co obxectivo de promocionar a cidade de Lugo e poñer en valor os seus principais atractivos turísticos. A edil explicou que a presenza nesta cita internacional busca seguir amosando Lugo ao resto do mundo e dar a coñecer os seus valores paisaxísticos, gastronómicos e culturais, convidando a visitantes de distintos países a descubrir a cidade.
Ferreiro avanzou que a campaña turística deste ano levará por lema “Lugo é o match” e estará enfocada non só no potencial xeral da cidade, senón tamén na promoción da calidade das súas salas museísticas. Neste sentido, destacou a importancia tanto dos museos municipais como doutros dependentes doutras administracións, como o Museo Provincial ou a Domus do Mitreo, como elementos clave da oferta cultural lucense.
A concelleira lembrou que o eixo central da campaña de Fitur seguirá sendo a reivindicación de Lugo como un referente turístico para quen queira visitar Galiza. Segundo explicou, a cidade conta cun emprazamento privilexiado pola súa proximidade ás zonas máis turísticas da comunidade, ao tempo que ofrece unha riqueza patrimonial, etnográfica, cultural e gastronómica que a converte nun destino atractivo para quen busca alternativas afastadas da masificación doutros puntos turísticos. Ferreiro subliñou ademais que desde as distintas áreas da Tenencia de Alcaldía estase a traballar para consolidar un turismo desestacionalizado, con propostas de calidade que permitan atraer visitantes ao longo de todo o ano.
No ámbito cultural, Maite Ferreiro referiuse tamén ao convenio asinado coa AGADIC, que permitirá que Lugo continúe a ser un referente na programación cultural. Este acordo contempla unha achega de 63.568,94 euros por parte do Concello e fará posible a celebración no Auditorio Gustavo Freire de 26 actividades durante o primeiro semestre de 2026, con espectáculos de danza, teatro para público adulto e propostas dirixidas tamén ao público infantil.
VALORACIÓN DO PP
Os populares critican que, un ano máis, PSOE e BNG acudirán por separado á FITUR con propostas turísticas diferentes. “A ausencia de un plan conxunto impide situar Lugo como un destino turístico de maneira consistente e repercute negativamente na súa imaxe a nivel nacional e internacional”, destacan.
Para o Grupo Municipal Popular resulta unha auténtica provocación que o BNG anuncie unha campaña centrada nas salas museísticas, cando todas as dependentes do Concello presentan carencias e un mantemento insuficiente, tal e como se denunciou en múltiples ocasións.
A mensaxe promocional contrasta coa realidade: a sala máis emblemática, o Centro de Interpretación da Muralla, permanece pechada desde o 29 de decembro por problemas de salubridade, a pesar de estar vinculada ao principal símbolo patrimonial da cidade.
"Mentres o BNG expón unha proposta afastada da realidade, do PSOE, até o momento, non se sabe que presentación levará á feira", destacan.