A cidade de Lugo acollerá un ano máis o Milagro de San Vicente

De novo Lugo Monumental axudará un ano máis a San Vicente a facer manar viño da fonte barroca da Praza do Campo, e será este martes día 29 de xullo ás 20:00. Salvo excepcións moi contadas, cada ano o día de Santa Marta, patroa da Hostalería, celébrase esta festa cada vez máis popular.
Esta divertida tradición fai que, grazas ao patrocinio de Viliga (Viños e Licores de Galicia) o público desfrute gratuitamente do viño que mana a monumental fonte barroca de San Vicente da Praza do Campo de Lugo, do século XVIII, onde se repartirán miles de vasos aos asistentes.
Coa colaboración do Concello de Lugo haberá un grupo que poñerá a animación ao evento e que despois seguirá facendo de pasacalles na zona co que a diversión está asegurada máis aló do propio “milagre”.
O mecanismo empregado para facer o “Milagre” é relativamente sinxelo e conta con tres grandes bidóns en que se deposita o viño, que a través de tubos alimentarios sae polos tres caños da fonte barroca de San Vicente.
Hai que destacar que o viño non toca a fonte en ningún momento o que repercute tanto nun uso garantista do monumento, como na perfecta hixiene do evento, algo que a Asociación coida meticulosamente.
Premios de Lugo Monumental
Como é tradicional, neste acto entregaranse cunha moi sinxela cerimonia, os premios da Asociación Lugo Monumental:
√ Toda unha vida na hostalería: Café del Centro
O café do Centro está situado na praza Maior nº 9, nunha casa cuxo arquitecto foi Manuel Bellido quen tamén deseñou o edificio do Círculo das Artes. Leva alí desde o ano 1903, fundado pola familia Vila, baixo o nome de Café Moderno, chamado así polos avances tecnolóxicos da época, ao contar con dobre luz eléctrica e de acetileno e modernidade de rexistradoras e cafeteiras, como destaca o famoso escritor Ánxel Fole no seu libro Cartafolio lucense. Desde o verán de 1920, tras unha gran reforma, chámase café do Centro, nome que mantén ata hoxe.
No ano 1945 hai constancia de que tomaba café Araceli e Juan Pujol, matrimonio de espías que fixeron cambiar o rumbo de Europa ao enganar a Hitler facéndolle crer que o desembarco era no estreito de Cale e foi en Normandia, o que cambiou o curso da guerra.
No café do Centro ródanse tres películas, A vella música, O rei do rio e Hitler Garbo e Araceli.
É un dos establecementos con máis soleira da cidade, e sen dúbida un punto de referencia tanto para locais como para turistas.
√ Comercio singular: Confecciones García
Confecciones García é un comercio familiar que leva 70 anos compartindo vivencias cos seus clientes no centro da cidade amurallada. Foi fundada en 1955 por Constantino García e Felicitas Andión na transitada rúa San Pedro de Lugo. Son xa tres xeracións as que creceron, xunto co negocio, ata os nosos días.
É a mercería máis antiga da provincia de Lugo e unha das que teñen máis historia en España.
A política de empresa sempre foi traballar con artigos de calidade, priorizando a fabricación nacional e galega, vendéndoos a un prezo inmellorable.
A proximidade no trato das súas empregadas cos clientes tamén é un dos seus puntos fortes, por iso, aínda que mesmo teñen páxina web, sempre dan esa posibilidade de contactar con eles para calquera orientación nalgún dos artigos que se atopan na súa tenda on-line.
√ Socio de honra: Peatón Desconocido
Lugo Monumental elixe ocasionalmente un socio de honra, que non é anual senón cando hai circunstancias que o fan oportuno.
Nesta ocasión designouse ao Peatón Descoñecido como socio de honra, en agradecemento a todos os lucenses que durante as longas obras seguiron acudindo ao centro histórico e mantendo os locais do centro á boia a pesar das grandes dificultades e mesmo os accidentes.
Tamén haberá un galardón “sorpresa”, que se revelará durante o evento.