A cidade de Lugo entregou as Medallas de Ouro aos heroes da pandemia
A Cidade de Lugo entregou a máxima distinción do Concello, as Medallas de Ouro, aos sectores esenciais e presenciais que estiveron en primeira liña durante o primeiro Estado de Alarma da pandemia. Nesta ocasión, entregáronse os galardóns do 2020 e do 2021 xa que os do ano pasado quedaron pospostos pola situación sanitaria. Os galardóns deste anos fixéronse
extensivos ao persoal municipal que estivo a carón da veciñanza.
A Alcaldesa, destacou no seu discurso que “estes cidadáns estarán sempre nos nosos corazóns, cidadáns que, con valentía e cun impulso que superou incluso o que deles se esperaba, se levantaban cada mañá, vencendo os seus propios medos, e saían das súas casas a traballar para ser os nosos salvadores, os nosos coidadores, os nosos protectores, os nosos provedores, ás veces, o noso consolo, converténdose nun fío de unión que nos mantiña en contacto cun mundo exterior que, durante os días infinitos que durou a reclusión nas nosas casas, en nada se parecía a como o entendíamos ata ese momento”.
A rexedora sostivo que este ano “queríamos que a entrega das Medallas deste ano foxe especial, polo que entregan tamén os recoñecementos unha representación diversa e plural da sociedade lucense, máis anónima, pero na que todos nos podemos ver reflectidos, en sinal de gratitude de toda a sociedade”.
Así mesmo, lembrou que “foi un tempo de resistencia, que nos obrigou a unha continuada adaptación a medida que coñecíamos máis ao inimigo, e que puxo a proba a nosa capacidade de acción e de reacción, intentando responder sempre con eficacia, rapidez e proximidade institucional e humana ás esixencias da cidadanía”.
A entrega realizouse o día en que se conmemora a declaración da Muralla romana de Lugo como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco, que celebra o seu 21 aniversario, e que é a xornada que se institucionalizou para este acto no 2018.