A cidade de Lugo sumouse á celebración do 25 de abril, Día da Revolución dos Cravos

A cidade de Lugo sumouse á celebración do 25 de abril, Día da Revolución dos Cravos, cun canto popular aberto do Grândola, Vila Morena, dirixida por Bruno Villamor e Fernando Gómez Jácome, referentes no ámbito coral da cidade.
A celebración foi conducida polo xornalista Félix Jorquera, e todas as persoas que se achegaron recibiron un caravel vermellos, símbolo da revolución portuguesa que este ano celebra o seu 51 aniversario, así como copias da letra da canción, co obxectivo de favorecer a participación activa de todas as persoas asistentes. Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, destacou o valor simbólico e emocional do evento.
"Lugo celebrou o 25 de abril como se fixo tradicionalmente: na rúa, cantando e reivindicando a liberdade", explicou. Segundo a concelleira de Cultura, a canción de Zeca Afonso "representa o espírito da revolución pacífica e, ao mesmo tempo, é unha chamada á unidade e á esperanza".
Rubén Arroxo afirmou que este acto "reforza o compromiso do Concello de Lugo coa democracia, a memoria histórica e a cultura popular, nun momento de unión e participación cidadá que queremos compartir con toda a veciñanza".
Con este acto, a Tenencia de Alcaldía lembra o 25 de abril como unha data relevante na loita pola liberdade e os dereitos fundamentais, promovendo a memoria histórica mediante unha acción cultural colectiva.