A CIG concentrouse en Lugo para denunciar as altas médicas

LugoXa
O secretario comarcal de CIG Lugo-A Mariña, Antonio Niño Saavedra, afirmou que o obxectivo de “reducir as baixas médicas é, en realidade, diminuír o absentismo laboral"
concentración-CIG-Lugo
12 Feb 2025

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou o “aumento desmesurado e abusivo” das altas médicas durante unha concentración celebrada fronte ao edificio do Instituto Nacional da Seguridade Social en Lugo.

O secretario comarcal de CIG Lugo-A Mariña, Antonio Niño Saavedra, afirmou durante o acto que o obxectivo de “reducir as baixas médicas e os longos períodos de recuperación” é, en realidade, diminuír o absentismo laboral.

Criticou duramente as actuacións da Inspección médica da Seguridade Social e do Sergas, aos que cualificou de realizar unha “persecución sistemática e abusiva” contra os traballadores.

Segundo Niño, cúlpase de xeito inxusto aos empregados da súa situación de incapacidade temporal, cando “na maioría dos casos son as malas condicións laborais e a deficiente atención do sistema sanitario público as verdadeiras responsables”.

O representante sindical tamén sinalou que na provincia de Lugo “temos unha poboación activa envellecida, o que conleva un maior número de baixas”. Por iso, considerou que as altas médicas están xestionándose baixo un “criterio económico” e non por razóns médicas.

“Quen deberían velar pola nosa saúde son agora os mesmos que nos sitúan nunha situación de vulnerabilidade”, concluíu Niño.

0.17257404327393