A CIG paraliza as obras da intermodal de Lugo en demanda dun convenio galego da construción

As obras da estación intermodal de Lugo quedaron paralizadas durante unha hora este xoves, 19 de xuño, pola acción reivindicativa de delegados e delegadas da CIG-Construción e Madeira (FCM-CIG), que ocuparon o recinto para reclamar a negociación dun convenio galego da construción e esixir á patronal que atenda as súas demandas sociais.
A protesta enmárcase na campaña de mobilizacións que o sindicato desenvolve dende hai meses para avanzar cara a un marco regulador galego que permita mellorar as condicións laborais e frear a perda de man de obra no sector.
Antes da ocupación, representantes sindicais das catro provincias reuníronse en asemblea no local da CIG en Lugo para analizar a situación actual e decidir novas accións. O secretario nacional da FCM-CIG, Plácido Valencia, avanzou que, de continuar o inmobilismo da patronal, o sector camiña cara a unha folga despois do verán.
A protesta tivo como obxectivo visibilizar a necesidade de negociar en Galicia as condicións laborais, aproveitando o cambio lexislativo que dá prioridade aos convenios autonómicos sobre os estatais.
Valencia subliñou que este marco permitiría blindar os convenios provinciais fronte ás limitacións estatais, como demostran os casos dos convenios de Pontevedra ou o de pintura da Coruña, impugnados pola patronal por melloras superiores ao marco estatal.
Durante a ocupación, paralizáronse ambas as dúas obras en execución e celebrouse unha asemblea cos traballadores, na que se lles explicaron os motivos da acción e a importancia de contar cun convenio galego que dignifique os salarios e as condicións laborais. Tamén se abordaron as particularidades do traballo nestas obras e se atenderon consultas laborais do persoal.
A intervención concluíu coa chegada de axentes da Policía Local e Nacional e a desocupación pacífica do recinto por parte dos manifestantes, que advertiron que, se non hai avances, intensificarán a presión até convocar unha folga.