A CIG convoca unha concentración que mobilizará aos traballadores e traballadoras de A Vida

A CIG convoca unha concentración que mobilizará aos traballadores e traballadoras de A Vida, do sector da construción, este luns, 5 de maio, ás 15:00 horas, diante das instalacións da compañía na rúa Panadeiras nº27, no Polígono do Ceao, co fin de reclamar o pagamento inmediato das nóminas pendentes correspondentes aos meses de marzo e abril.
Con máis de 100 traballadores e traballadoras en Lugo, A Vida arrastra importantes atrasos no pago dos salarios, situación que segundo denuncian os sindicatos “é xa unha constante”. De feito, o pasado mes asinouse un acordo coa representación do persoal para o pagamento fraccionado das nóminas, pero a empresa incumpriu os prazos pactados, agravando a incerteza entre o persoal.
Desde a CIG denuncian que os empregados e empregadas están a acudir cada día aos seus postos sen saber cando cobrarán nin que cantidades percibirán. Por este motivo, esixen un plan de viabilidade claro, información concreta sobre a situación financeira da empresa e garantías de que as nóminas serán aboas.
A situación resulta especialmente grave para o colectivo de persoas migrantes que traballan na empresa, moitas das cales carecen de redes familiares de apoio e enfróntanse a serias dificultades para facer fronte aos gastos básicos sen os seus ingresos.
A CIG reclama solucións urxentes e insta a dirección de A Vida a que aboe de inmediato as cantidades adebedadas. Ademais, advirte que, se a situación económica da empresa non é viable, debería facer uso dos mecanismos que contempla a lexislación laboral para evitar que continúe acumulando débedas salariais.