A CIG convoca unha manifestación en Lugo para conmemorar o Primeiro de Maio
A CIG presenta a campaña arredor da que xira este ano a conmemoración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. Unha xornada na que a central sindical ten convocadas 16 manifestacións en cidades e vilas e que se celebrará baixo o lema “Traballo digno. Pola paz e a soberanía dos pobos. Contra o imperialismo”.
No caso da Lugo, organizan unha mobilización a partir das 12.00 horas no Edificio Sindical. Nesta convocatorias nas que se denunciará, tal e como explicou o secretario xeral, Paulo Carril, “o belicismo e apoloxía da guerra que a UE, en entusiasta obediencia aos Estados Unidos (EUA) e ás misións da OTAN, está axitando para disimular manterse á fronte dun mundo que camiña a ser irreversiblemente multipolar e a rachar coa globalización neoliberal, co imperialismo que os EUA queren manter a lume, sangue e morte”.
Nese sentido, rexeitou o gasto de 1.200 millóns de euros en armas aprobado polo Consello de Ministros e o apoio de Europa a Israel no seu xenocidio ao pobo palestino. “Son o exemplo da crueldade do chamado Occidente civilizado e democrático, por negarse a recoñecer unhas relacións internacionais sen subordinacións, sen explotación nin dependencias, que respecte, tamén nas propias fronteiras da UE, o dereito de autodeterminación dos pobos e nacións que a integran, para así liderar a construción dun mundo moi necesitado de xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz”, dixo.
Precarización das condicións laborais e de vida
Neste contexto, advertiu dos altos prezos da cesta da compra; da baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións; do aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e do medre da poboación en risco de pobreza e de exclusión social. Unha situación da que responsabilizou á reforma laboral, vixente desde ha xa 2 anos, que “nin xerou dereitos, nin derrogou as graves e regresivas reformas laborais do 2012”, afirmou.