A CIG denuncia a situación das traballadoras do SAF de Castroverde

LugoXa
A empresa adxudicataria do SAF de Castroverde comunica que non pagará os salarios de maio e o Concello desenténdese da situación.
folga saf
19 Xuño 2021

Dende a CIG-Servizos queren denunciar a situación na que se atopan as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Castroverde ás que Asistencia Castroverde (empresa adxudicataria) "lles comunicou a imposibilidade de afrontar o pago das nóminas por falta de liquidez".

Así mesmo, engadiron "a día de hoxe, as máis de 30 traballadoras teñen pendente de cobrar o salario de maio e descoñecen cal será o futuro do servizo, tendo en conta que a nova concesionaria (que debería entrar o 1 de xullo) xa amosou intención de renunciar ao contrato se tiña que facerse cargo das débedas da anterior empresa".

Dende a CIG subliñan que os atrasos no pago das nóminas véñense producindo dende hai meses, pero nesta ocasión a empresa informou da "situación económica insostíbel", que lle resulta imposíbel abonar os salarios e que xa solicitou a entrada voluntaria en concurso de acredores.

Porén, Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, sinala que o Concello está pagando puntualmente polo servizo e que eses cartos teñen que ser destinados a abonar os soldos das traballadoras. "A empresa non os pode desvíar para facer fronte a outros gastos ou débedas que teña", subliña.

Ademais, lembran que "Asistencia Castroverde prestaba o SAF tamén noutros concellos da contorna, pero foi perdendo os contratos polos atrasos e os problemas continuados no pago das nóminas ao persoal".

Intervención do Concello

Diante desta situación, Paz reclama a implicación do Goberno municipal para que inste a empresa a cumprir coas súa obrigas, "pois estamos falando de cartos públicos que se destinan á prestación dun servizo público básico para moitas persoas e do que o Concello é titular". Neste senso, critica a actitude pasiva do alcalde quen, "nunha reunión coas traballadoras, escusou as súas responsabiliades alegando que o Concello xa lle pagara á empresa".

De igual xeito, a CIG demanda o Goberno local que interveña de inmediato para aclarar o futuro do SAF e que previsión ten para garantir os empregos e a prestación do servizo ás persoas usuarias, se finalmente a nova concesionaria renuncia ao contrato. Ademais, engaden que hai que lembrar que estas traballadoras formaban parte do cadro de persoal do Concello até que o servizo de axuda no fogar foi externalizado.

Así as cousas, de non darse solucións nos próximos días, as traballadoras non descartan iniciar mobilizacións diante do Concello de Castroverde polo cobro dos salarios, na defensa dos empregos e por unha asistencia de calidade.

saf castroverde
0.20186686515808