A CIG denuncia incumprimentos reiterados da UTE Ecolugo na recollida de lixo en Lugo

A representación da CIG no comité de recollida do lixo de Lugo, xestionado pola UTE Ecolugo, denuncia os incumprimentos reiterados por parte da empresa en relación co convenio colectivo e cos pregos de condicións do contrato.
Os delegados do sindicato alertan que a empresa está a utilizar maquinaria da antiga concesionaria, que segundo os pregos técnicos só debe usarse como reserva e mentres non chegan os novos vehículos. Aínda que se prevía que a maquinaria vella fose substituída nun prazo máximo de 8 meses, esta segue a ser empregada, e a súa condición, segundo a CIG, é "inadecuada" para realizar o traballo de forma eficiente.
Os delegados sindicais tamén critican que algúns dos novos vehículos incorporados non contan cos dispositivos preventivos axeitados. Ademais, denuncia que Ecolugo non está a cumprir co compromiso de eliminar o uso de combustíbeis fósiles, pois segue a empregar motores diésel cando nos pregos da concesión se estipulaba o abandono destes combustíbeis no servizo.
OUTRAS DENUNCIAS
Outro dos puntos de crítica á empresa son as deficientes condicións nas instalacións. A CIG subliña que, no mes de xaneiro, pediu á empresa que reparase os calefactores na nave e nos vestiarios, así como que instalase sistemas de calefacción adecuados para garantir unhas condicións de temperatura axeitadas.
A pesar de varias solicitudes posteriores, a empresa respondeu que “está en estudo” e non tomou medidas. A falta de calefacción resulta especialmente insoportable nos meses de inverno, cando os traballadores deben cambianse nun espazo húmido e frío, sen poder secar adecuadamente os equipos de protección individual (EPI).
A CIG tamén denuncia que Ecolugo incumpre o convenio colectivo ao non respectar os prazos de pagamento de incentivos e pagas extraordinarias, abonándoos sistematicamente fóra dos períodos establecidos. Ademais, a empresa non entregou a roupa de inverno aos traballadores desde 2022, e tampouco forneceu os EPI que debía entregar en 2024, argumentando que existía un acordo co anterior comité de seguridade e saúde laboral, ao que a CIG non pertencía. A CIG tamén critica a empresa por afirmar que se reuniu coa súa representación, cando non se produciu ningunha reunión.
Diante de todos estes incumprimentos, a CIG fai un chamamento ao Concello de Lugo para que inspeccione o funcionamento do servizo e obrigue á UTE Ecolugo a respectar os dereitos laborais e as condicións estipuladas nos pregos de concesión.