A CIG denuncia un ataque contra a caravana das traballadoras da limpeza

LugoXa
A CIG quere manifestar o seu rotundo rexeitamento e a condena ao ataque sufrido pola caravana das traballadoras da limpeza de Lugo, que este luns apareceu chea de ovos estampados.
caravana limpeza lugo
24 Xan 2024

A CIG quere manifestar o seu rotundo rexeitamento e a condena ao ataque sufrido pola caravana das traballadoras da limpeza de Lugo, que este luns apareceu chea de ovos estampados. A CIG, que estuda presentar denuncia na policía, lamenta este ataque "covarde e insolidario contra o vehículo que simboliza a resistencia e a dignidade dunhas traballadoras que levan máis de tres meses en folga para reclamar un convenio digno".

A caravana leva instalada diante da explanada do edificio Multiusos da Xunta dende o pasado 21 de novembro co obxectivo de darlle visibilidade á loita das traballadoras da limpeza e reclamar a intervención da administración autonómica no conflito. A caravana tamén serve como punto de encontro do colectivo e na mesma permanece mañá e tarde un piquete de traballadoras, a modo de recordatorio de que seguen en pé por unhas condicións salariais e laborais xustas.

O vehículo, decorado con fregonas e con varias faixas reivindicativas, xa se converteu no símbolo de resistencia destas loitadoras incansábeis, polo que a CIG entende que este acto de vandalismo, supón un ataque á dignidade das traballadoras e unha falta total de respecto. "A caravana non lle molesta nin estorba a ninguén, a persoa ou persoas ás que se lle ocorreu lanzar os ovos son un claro exemplo de insolidariedade. É un acto indigno que repudiamos de pleno", asevera Asunción Castiñeira, representante da CIG.

Castiñeira salienta que estas traballadoras son un exemplo de loita fronte á explotación e a precariedade e un orgullo para o conxunto da clase traballadora galega. Por iso, apunta, "non entendemos que tipo de persoas poden facer algo así. Se o obxectivo é desmoralizar as compañeiras, están moi erradas. Que ninguén pense que logo de tres meses en folga, co esforzo económico e psicolóxico que isto implica, uns cantos ovos van derrotar ou crebar a fortaleza destas loitadoras incansábeis".

0.19952011108398