A CIG esixe ao Concello que tome cartas ante o incumprimento de Abante BPO co servizo 010
A sección sindical da CIG en Abante BPO remitiu un escrito ao Concello de Lugo co fin de que tome cartas ante os incumprimentos da empresa que, de maneira unilateral e sen xustificación, entre outros servizos deixou este 8 de marzo de prestar o servizo de atención telefónica 010 que a administración local lle tiña adxudicado.
A CIG insta tamén ao Goberno municipal a que investigue a relación de Abante BPO coas empresas Traffic New Tecnology, S.L. (TNT) e Abante Servicios Empresariales, S.L., con especial atención aos indicios de que conforman na práctica un mesmo grupo empresarial e esixindo, polo tanto, responsabilidades a estas tres empresas polo incumprimento do contrato do 010.
Cómpre lembrar que a CIG ven advertindo dende hai meses do proceso de descapitalización progresivo desta compañía, que foi referente no sector dos centros de chamadas de Lugo, chegando a contar cun cadro de persoal de máis de 500 traballadoras e traballadores.
O desmantelamento iniciouse o pasado ano coa perda á mantenta de dous dos contratos máis importantes que tiña a empresa, “co claro obxectivo de conducila á quebra”. Deste xeito, na primavera de 2021, a dirección decidiu cesar o contrato con France Telecom (Orange e Jazztel), subrogando o persoal a unha empresa de recente creación chamada Traffic New Tecnology (TNT). Para, a continuación, vender a unidade de produción da campaña de 1&1 IONOS a unha empresa chamada Abante Servicios Empresariales, da mesma empresa matriz que Abante B.P.O e que ten o mesmo enderezo social que TNT.
Estas operacións mercantís supuxeron que Abante BPO pasara de ter máis de 450 traballadores/as a quedar cun cadro de persoal de tan só 110 empregados/as.
O grupo sindical afirma que “chama poderosamente a atención que entre estas tres empresas hai unha coincidencia de cargos directivos e incluso a nómina de xaneiro do persoal de Abante BPO foi abonada por Abante Cluster Holding, que vén sendo ao tempo empresa matriz de Abante BPO e de Abante Servicios Empresariales”.
Por iso, a sección sindical da CIG subliña que “a situación actual de Abante BPO non é froito dun mal resultado debido á súa posición no mercado, senón que é resultado de decisións empresariais adoptadas de forma premeditada e unilateral”. Entenden que “estamos diante dunha xestión fraudulenta e dun proceso de descomposición da empresa deseñado e dirixido por Eduardo Álvarez Núñez, antigo propietario de Abante BPO, e propietario da empresa do sector Huaris Call Center (con sede en León)”.
Todos estes feitos xa foron postos en coñecemento da Inspección de Traballo e serán trasladados á Fiscalía para que actúe de oficio e determine as posíbeis responsabilidades penais.
Cómpre lembrar que a día de hoxe, os traballadores e as traballadoras teñen pendente de cobrar a paga extraordinaria de nadal e a nómina de febreiro e carecen de calquera información sobre cando cobrarán os seus salarios, xa que non hai ningunha persoa ao cargo desta que serva de interlocutora válida para dar explicacións, deixando nunha absoluta indefensión e precariedade para o persoal.
De aí que no escrito dirixido ao Concello de Lugo, a representación da CIG insista para que o Goberno municipal investigue os claros indicios da existencia dun grupo empresarial e actúe con total contundencia á hora de esixir e depurar responsabilidades polo incumprimento do contrato do 010 e por levar á ruína ao que era un dos maiores centros de traballo da cidade.