A CIG mobilízase para esixir un plan galego de recuperación e plenas competencias

LugoXa
Defenden a necesidade dun plan de recuperación económica baseado na industrialización, a creación de emprego digno e uns servizos públicos fortes
Mobilización-CIG-Xunta-Lugo
10 Apr 2025

Delegados e delegadas da CIG mobilizáronse fronte aos edificios da Xunta en Lugo para esixir un plan galego de recuperación económica, protección social e plenas competencias para Galicia en áreas laborais, económicas e fiscais.

As concentracións foron precedidas de asembleas e forman parte das 17 mobilizacións convocadas pola CIG para o Primeiro de Maio, baixo o lema Traballo, Dereitos, Soberanía. Galiza contra as Guerras.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliñou a "necesidade dun plan de recuperación económica baseado na industrialización, a creación de emprego digno e uns servizos públicos fortes, fronte ás políticas do PP que, segundo el, fomentan a pobreza, a desigualdade e a explotación dos recursos naturais".

Ademais, Carril reivindicou un plan galego de protección social centrado na atención ás persoas, no fortalecemento dos servizos públicos e na creación dun sistema público galego de coidados.

No marco das mobilizacións do Primeiro de Maio, a CIG tamén esixe plenas competencias para Galiza en materias laborais, económicas e fiscais, co fin de decidir un modelo económico e social propio.

Tamén, Carril advertiu sobre a crise global e a crecente escalada bélica impulsada polos Estados Unidos e a Unión Europea, alertando dos posibles efectos negativos sobre as condicións de vida da poboación.

As mobilizacións culminarán este xoves 10 de abril cunha xornada de folga nas residencias privadas e o chamamento a participar na concentración da plataforma Galiza pola Paz, que terá lugar ás 19:30 horas.

⚙ Configurar cookies
0.16492891311646