A CIG presenta alegacións ao proxecto de Altri na Ulloa
A CIG anuncia a presentación de alegacións ao proxecto que Altri ten previsto instalar na comarca da Ulloa. A central sindical súmase ás alegacións presentadas pola Plataforma por unha Ulloa Viva e pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e manifesta o seu apoio ás accións desenvolvidas até o de agora polos veciños e veciñas.
O secretario xeral, Paulo Carril, manifesta o rexeitamento ao modelo de industria de enclave que representa o proxecto e rexeita tamén que se declare de utilidade pública e que sexa considerado como proxecto industrial estratéxico. Altri pretende instalar a 2 quilómetros do Camiño de Santiago, na comarca da Ulloa dúas factorías: unha de celulosa solúbel e outra de fibra téxtil. A súa fabricación requirirá grandes cantidades de auga, enerxía e eucaliptos. Afectará gravemente o patrimonio cultural e natural da comarca da Ulloa mais tamén das limítrofes, Terra de Melide, Arzúa, Santiso, Agolada e o Deza.
E afectará tamén á atmosfera e ás augas, comprometendo aínda máis a viabilidade ecolóxica do río Ulla, e, en consecuencia, á ría de Arousa, a máis rica do país. A CIG advirte que todo isto preténdese facer nun contexto de desaparición en Galicia de superficie agraria útil, constatado as universidades galegas , en favor de máis territorio dedicado á actividade forestal ligada ao eucalipto. “Estamos ante un proxecto contrario a un monte galego con futuro que debera asentarse, entre outros piares, nuns aproveitamentos forestais que realmente aposten pola creación de emprego digno, a sustentabilidade económica e social e a compatibilidade con outras actividades agrarias”.
Consideran inaceptable o financiamento público, “polo que implica de endebedamento público”. Reclama, fronte a isto, que se teñan en conta varios apartados do recente informe do Consello Económico e Social (C.E.S.) de Galiza, incluídos no trámite do Anteproxecto de Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galiza.
Dúbidas sobre o número de postos de traballo
Apartados nos que se recolle que os proxectos industriais teñen que levar aparellado o peche dos ciclos produtivos, aumentando o valor engadido en sectores básicos na nosa economía Criterios aos que se engade que o proxecto sexa “aceptado polos sectores económicos, sociais e poboacións dos concellos afectados” e que teña “un maior impacto socioeconómico positivo e mellora da calidade de vida nos sectores e territorios afectados”.
Xunto a isto, en relación aos efectos que ocasionaría no ecosistema, o proxecto debería cuantificar economicamente as perdas que podería producir, coa participación dos concellos afectados no proceso. A CIG considera de dubidosa legalidade os consumos de auga previstos. Advirte de que ás consecuencias deste proxecto para as zonas afectadas hai que engadir tamén a actual tramitación dunha planta de hidróxeno verde no encoro de Touro e a permanente ameaza da instalación doutras actividades de grande impacto, como o da reapertura da mina de Touro.
Nas súas alegacións a central sindical cuestiona e salienta a contradición sobre o número de postos de traballo que constan no expediente en exposición pública que serán creados, pero que se reducen a 500 segundo Altri estivo dicindo nos actos públicos que organizou semanas atrás. Chama a atención que Altri, cunha fábrica de Portugal, cunha produción de 1,5 millóns de toneladas de pasta dá emprego a 774 persoas.
Falta dun plan de industrialización
“Facendo a proporción e atendendo á actual automatización dos procesos produtivos, é fácil concluír que a cifra de emprego directo é moi inferior”. Como tamén cuestiona os supostos postos de traballo indirectos cando “a transformación da madeira, desde a súa corta no monte, non se vai dar en serradoiros, senón na propia factoría”.
O sindicato lembra ademais que non se coñece que asociado a este proxecto se contemple ningún plan de industrialización ligado ao sector do papel, cartón e textil. Circunstancia que a leva a concluír que estamos ante “unha industria de enclave”. Unha “pasteira de grandes dimensións” que se vai levar a outros países a transformación e que pon en perigo importantes sectores produtivos como o do sector agrario, gandeiro, do mar e do sector turístico e cultural ligado ao Camiño de Santiago.