A circulación por San Fernando non convence a Lugo Monumental
Lugo Monumental valora as modificacións do Proxecto Corazón Verde en Santo Domingo coma unha proposta, en xeral, acertada “xa que contempla as reivindicacións que o colectivo expuxo xunto a outros colectivos como o Colexio de Arquitectos ou Adega para salvar a zona verde e as árbores de Santo Domingo”. A única cuestión con que non están de acordo é coa idea de que os vehículos que accedan aos garaxes da contorna de Armañá e á Praza de Abastos e Mercado o fagan pola rúa Quiroga Ballesteros, xa que supón, na práctica, a “despeatonalización” desta vía. Propoñerán pequenos cambios noutros aspectos relacionados con usos e carga e descarga.
O carril de circulación de Santo Domingo teña 6 metros de ancho, segundo explicaron técnicos asistentes á reunión, polo que sería posible facelo de dobre sentido, o que liquidaría ese acceso sen sacrificar a peaonalización de Quiroga Ballesteros. A preguntas dos representantes sobre por que non se finaliza o encontro entre a Rolda e Montevideo, o que permitiría que os vehículos que van ao aparcamento Vía Romana e á contorna do Hospital Quirón poidan entrar e saír por alí e así desconxestionar a parte superior, respondeuse que non se remata porque non atopan unha empresa que forneza os semáforos necesarios para regular ese tráfico.
A asociación propuxo usar semáforos de obra ata que non consigan os definitivos, xa que consideran fundamental reducir o tráfico en Montevideo e Bolaño Rivadeneira para facilitar que se axilice a execución das obras dese tramo. En canto a que os vehículos non saen por Praza do Ferrol, como figura no proxecto, haberá variacións no plan orixinal. “Isto foi unha sorpresa, xa que por unha banda dá a razón a Lugo Monumental na proposta que fixemos desde o primeiro momento, e San Fernando será de entrada e saída, pero por outra o mal deseño das obras executadas obriga a que esa dobre dirección estea moi condicionada e non sexa todo adecuada”.
Piden un semáforo
Sosteñen que o tramo de San Fernando só ten un carril, o que condiciona moito a dobre dirección, o que se soluciona cun semáforo. “O problema é que é un tramo bastante longo polo que os tempos de espera entre os pasos das dúas direccións serán amplos e isto provocará atrasos e retencións”. Ademais, dado que o chan instalado entre o Cuartel de San Fernando e a Igrexa de San Froilán é de uso exclusivamente peonil, “imposibilítase a solución proposta pola asociación, e que era a que o máis elemental sentido común indica: facer o menor traxecto posible entre o aparcamento e a saída de forma directa”. Para eles, a entrada ao aparcadoiro seguirá unha ruta complicada “que lles levará por San Fernando, a parte traseira da igrexa, pasando fronte á Porta Falsa, por diante do Ambulatorio e desembocando no aparcamento.
A saída, pola súa banda, non será menos complexa xa que os vehículos baixarán por Bolaño Rivadeneira, virando por Quiroga Ballesteros (rodeando o colexio e o cuartel) e subindo por rúa San Froilán, que ata o de agora era peonil. “A conclusión é que a cerrazón mostrada polo Concello para estudar a formulación proposta por Lugo Monumental desde o primeiro momento, en que se propoñía unha rotonda no encontro da Rolda con San Fernando e un traxecto directo ao aparcamento, trae agora como consecuencia que o que tería que ser un percorrido duns poucos metros se converta nunha volta difícil de comprender e que afectará á praza do Ferrol e a outras rúas que poderían ser verdadeiramente peonís e agora non o serán”.