A comarca da Ulloa maniféstase unanimemente contra a DIA favorable a Altri

LugoXa
Francisco Conde reclama ao Goberno de Sánchez que impulse o proxecto en Bruxelas
manifestacion-altri-monterroso
16 Mar 2025

Galicia volveu protestar hoxe contra a decisión da Xunta de votar favorablemente a declaración de impacto ambiental de Altri para a súa instalación en Palas de Rei.

Convocados por distintos colectivos, liderados por Ulloa Viva, se concentraron en distintas vilas da zona do Ulla, como Melide, Palas de Rei, Monterroso, Santiso ou Arzúa, para achegar o seu malestar por la decisión.

Na lectura dun manifesto Ulloa Vive explica que "a nova que acabamos de recibir, non por esperada deixa de ser triste. Todo acceso á información demandado até o de agora e a pouca transparencia no procedemento, facíanos esperar que a autorización da Declaración de Impacto Ambiental chegaría. Este DIA anticipa as futuras resolucións de Autorización Ambiental Integrada e da propia aprobación do Proxecto Industrial Estratéxico, nunha secuencia sucesiva de decisións político-administrativas que non teñen máis finalidade que amparar a execución dunha industria contaminante no ambiental e de forte impacto negativo a nivel territorial, patrimonial, socio-económico e para a saúde das persoas".

Explicaron tamén que "consideramos un lamentable exemplo da falta de respecto coa poboación, que a administración aproveitara calquera ocasión para vender o proxecto GAMA deixando de ser garante da imparcialidade que debería caracterizar un goberno que coida os intereses da poboación e non os dunha empresa. Denunciamos que o que aconteceu a nivel administrativo é inadmisible, e que as normas foron axeitándose ao proxecto garantindo que saíra adiante a toda costa. No caso de Altri non son os proxectos os que deben axustarse ás normativas ou estratexias, senón xusto ao contrario. Múdanse as leis ou plans para axustalos aos intereses de Altri".

LARA MÉNDEZ

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, alertou do “interese desmedido” da Xunta por levar adiante a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei en contra dos requisitos medioambientais, sociais e económicos. Méndez participou na concentración en contra do proxecto da multinacional portuguesa que tivo lugar hoxe en Arzúa, onde criticou o “escurantismo total” co que o goberno galego está a envolver o proxecto.

A responsable socialista sinalou a falla de información ofrecida polo goberno galego respecto deste proxecto “dende o minuto cero”, como demostra que o que ía ser unha planta téxtil “agora é unha macrocelulosa”. Ademais, engadiu, unha iniciativa industrial que orixinalmente suporía a creación de 2.500 postos de traballos “cada día baixa o número de ocupados” previstos ata apenas uns centos.

Lara Méndez sinalou ademais á “contestación social moi importante” que está a espertar este proxecto en toda Galicia, con numerosas concentracións multitudinarias en tódolos concellos afectados. Finalmente, advertiu que os 250 millóns de euros de axudas que require este proxecto supoñen o 25 por cento do total do proxecto, o que provoca dúbidas razoables sobre a súa viabilidade económica.

RESPOSTA DO PARTIDO POPULAR

O deputado nacional pola provincia de Lugo e portavoz de Industria do Partido Popular no Congreso, Francisco Conde, explicou que "nestes momentos temos un informe medioambiental que garante a súa viabilidade dende o punto de vista do impacto no territorio. E por iso é o momento de Altri e do Goberno central, dos seus compromisos. Altri ten que garantir que vai cumprir con todos os condicionantes que marca a Xunta de Galicia e ao mesmo tempo ten que garantir a viabilidade económica e financeira do proxecto e o seu impacto de valor engadido en Galicia".

Reclama ao Goberno de Sánchez unha rectificación "o Ministerio de Industria sabe que ten o proxecto bloqueado e que ten a responsabilidade de defender o proxecto en Bruxelas sabendo que cumpre con todos os criterios medioambientais e industriais que marca a propia Comisión Europea".

Engade tamén que o Ministerio de Transición Ecolóxica sabe que o proxecto precisa das infraestruturas para conectarse á rede "e, polo tanto, tamén a súa viabilidade depende destes investimentos".

"É un proxecto que vai orientado á loita contra o cambio climático, a sostibilidade e tamén á transformación dixital. E por iso instamos ao ministro de Industria a que acuda ao Congreso dos Deputados e que se comprometa e garanta a viabilidade deste proxecto en igualdade de condicións que outros proxectos industriais que cumpren cos principios que está marcando a propia Unión Europea, dende o punto de vista medioambiental e dende o punto de vista industrial".

⚙ Configurar cookies
0.17480301856995