A comisión de festas decidirá este mes a ubicación do feiral de San Froilán
A edil de Cultura, Maite Ferreiro, anunciou que o recinto feiral desta edición do San Froilán se decidirá na vindeira comisión de festas, que se convocará durante setembro.
Ferreiro explicou que "dado o protocolo establecido pola Xunta de Galiza desde o Goberno de Lugo entendemos que a colocación do recinto feiral faría moi complicado cumplir a separación interpersoal".
A concelleira de Cultura explicou que "non podemos estar pedindo á veciñanza que controle os contactos e instalar o recinto feiral, que sempre trouxo grandes masificacións", e engadiu "o máis importante de cara ao San Froilán 2021 é garantir a seguridade de todas as persoas asistentes ás distintas actividades".
Maite Ferreiro pediu aos grupos da oposición "que mostren a mesma responsabilidade coa seguridade da veciñanza de Lugo, como mostraron durante a organización do San Froilán do ano pasado ", e afirmou que "agardamos que na vindeira xuntanza da comisión de festas contemos coa presencia de todos os grupos políticos".