A Comisión Europea avala a petición de Lugo Monumental e mantena aberta

LugoXa
A entidade lucense expuxo en Bruxelas os efectos das obras no casco histórico e recibe o apoio de todos os grupos agás o socialista
Lugo-Monumental-na-Comisión-de-Peticiones-do-Parlamento-Europeo
2 Dec 2025

A petición promovida pola Asociación Lugo Monumental continuará aberta no Parlamento Europeo despois de que a Comisión Europea concluíse que existen elementos que xustifican seguir investigando o que ocorreu coas obras do casco histórico de Lugo.

A entidade compareceu ante a Comisión de Peticións para explicar os problemas derivados destes traballos, que xeraron perdas nos negocios da zona, danos noutros viais e máis dun cento de persoas feridas segundo as cifras oficiais, unhas consecuencias que atribuíron á improvisación e á deficiente execución das actuacións municipais.

Na sesión celebrada en Bruxelas, todos os grupos parlamentarios presentes amosaron un respaldo claro á solicitude, salvo o Grupo Socialista, que se desmarcou da postura xeral.

En representación da Asociación interveu o seu presidente, Luis Latorre, acompañado polo concelleiro do PP e tamén socio da entidade, Ramón Cabarcos, nunha exposición que consideraron suficiente para xustificar as súas reclamacións.

Tras confirmarse que a petición permanece aberta, a Comisión Europea trasladará o expediente a diversos organismos encargados de verificar o cumprimento das condicións das subvencións e dos criterios ambientais. O representante comunitario comprometeuse ademais a manter contacto directo con Lugo Monumental para seguir recompilando información sobre o ocorrido na cidade.

O mantemento da petición implica que Bruxelas considera que existen indicios relevantes de que os procedementos non se levaron a cabo de forma adecuada. A admisión a trámite xa supón que hai base para estudala e que se manteña aberta engade que o asunto continúa vixente e que pode existir unha posible vulneración do Dereito da Unión ou unha afectación significativa de dereitos.

A partir de agora, poderanse solicitar novos informes ás institucións europeas, aos gobernos estatal e autonómico ou a outras entidades implicadas, mesmo requirir aclaracións adicionais ao peticionario. A petición podería volver abordarse en sesión se xorden novidades, e non se descarta que, se o caso o justificase, se crease unha misión de investigación ou se elaborase un informe parlamentario.

Para Lugo Monumental este avance representa unha vitoria moral e un apoio cualificado da Comisión Europea ás súas posicións. A entidade lembra que leva tempo denunciando a falta de transparencia que acompañou os proxectos de remodelación, sen consulta previa nin exposición pública, e critica que os documentos non chegases a colgarse na web municipal. Tamén puxeron o foco nunha planificación desacertada en diversos ámbitos, incluído o ambiental, aspectos que —segundo valoran— foron recoñecidos polo órgano comunitario.

A Asociación destaca igualmente como un éxito que se aclarase que unha posible sanción, de producirse, non recaería sobre os fondos asignados á cidade, unha das súas principais preocupacións para evitar que os veciños sufrisen consecuencias económicas polo mal desenvolvemento das obras. Con este posicionamento, consideran cumpridos tres obxectivos: demostrar que as súas reclamacións estaban fundamentadas, garantir que non se prexudican as contas municipais e instar ao Goberno local a asumir con máis rigor a xestión dos fondos europeos e a planificación das actuacións.

⚙ Configurar cookies
0.077593088150024