A Comisión Europea non recibiu ningunha proposta para solicitar os fondos europeos para o proxecto de Altri

LugoXa
A eurodeputada electa do BNG, Ana Miranda, subliña que é preciso “seguir presionando en Bruxelas, en Madrid e en Galiza para frear o desastre medioambiental"
bng_altri_non
bng_altri_non
5 Xul 2024

A eurodeputada electa do BNG, Ana Miranda, subliña que é preciso “seguir presionando en Bruxelas, en Madrid e en Galiza para frear o desastre medioambiental que supón Altri para Galiza”. Segundo salientou ao fío da resposta que Miranda recibiu da Comisión Europea a unha pregunta parlamentar sobre a financiación con fondos Next Generation do proxecto da fábrica de Altri en Palas de Rei, “estamos a tempo de paralo, estamos a tempo de que non se cometa unha atrocidade ambiental cun proxecto que ten unha enorme contestación social”.

Tal e como xa confirmaran en abril representantes da Comisión Europea á delegación de plataformas que se opoñen ao proxecto e que se mantiveron un encontro na CE organizado pola eurodeputada do Bloque, a Comisión Europea confirma novamente que non foi presentada unha proposta por parte do Estado para solicitar os fondos europeos para o proxecto de Altri “que requira a avaliación da fábrica de celulosa e fibras téxtiles situada en Palas de Rei no marco dun PERTE (Proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica)”.

“Desde que as plataformas estiveron en Bruxelas seguimos coa presión e máis agora como eurodeputada electa, que estarei na Comisión de Peticións precisamente para parar este proxecto”, avanzou a eurodeputada galega, quen sinala que a Comisión Europea, no seu documento apunta que un proxecto destas características ten que cumprir as distintas normativas e que non pode vulnerar cuestións medioambientais.

Neste sentido, Ana Miranda sinala que estas vulneracións “xa están pasando” desde o momento en que Altri pretende verter auga no río Ulla e no encoro de Portomouros, que precisamente está estes días cunha enorme contaminación. Miranda apunta que tamén estaría pasando desde o momento que vulnera a Rede Natura, así como desde o momento no que ese proxecto pode destruír zonas de especial protección nas que existen especies endémicas.

No encontro celebrado en abril con representantes da Comisión Europea, a delegación galega desprazada a Bruxelas reuniuse con María Teresa Fábregas, Directora do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (SG.RECOVER.B) e Paul Speight, Xefe da Unidade de Cumprimento da Normativa Medioambiental (ENV.E.3) e outros responsables de diversas áreas da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea. Neses encontros estes representantes da CE confirmaron que non foi presentada ningunha solicitude oficial por parte do Estado español e que en caso de que se introducira un proxecto destas características debería cumprir con todos os principios e esixencias de transparencia e tamén esixencias medioambientais e de conflito de intereses que ten un proxecto destas características, que como moi tarde debería estar executado en agosto de 2026.

0.1522650718689