A compañía lucense Ítaca Teatro estrea no escenario Hipócrita 'Alma de grilo'
Este sábado o escenario Hipócrita acolle unha nova función teatral, Alma de grilo, da compañía lucense Ítaca. A función poñerase en escena a partir das 20.00 horas. Alma de grilo é unha peza de teatro literario con música en directo, baseada no libro homónimo de María García. Trátase dun espectáculo intimista que nos achega unha particular visión do ser humano, a través de historias onde a fraxilidade dá paso á fortaleza, onde a cobiza crea incomunicación ou onde a imaxinación nos protexe da soidade.
No escenario, baixo a dirección de José Campanari, estará María García, autora e actriz, e Icía Saavedra que interpretará a música, composición orixinal de Vadim Yucknievich. O escenario Hipócrita vén acollendo funcións de teatro o segundo e cuarto sábado de cada mes. O vindeiro sábado 24, Hipócrita Teatro porá en escena a obra Casting.