"A compra do Centro Comercial Abella dinamizará económicamente á cidade", di Méndez
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, valorou moi positivamente a compra do Centro Comercial da Abella.
“Unha adquisición que, por unha banda, axudará a revitalizar non só o barrio no que se asenta,e outros próximos como o da Residencia e Casás, senón que tamén suporá unha contribución moi importante á dinamización económica de toda a cidade, especialmente no que ten que ver coa creación de novos postos de traballo, tanto directos como indirectos, axudando, deste xeito, á recuperación social”, sinalou a rexedora.
Méndez apuntou que “esta operación consolida o que vimos afirmando dende hai tempo, que a segunda gran transformación que estamos levando a cabo do concello, non só nos permitirá afrontar con maiores fortalezas e recursos axeitados os retos futuros, senón que a estratexia que deseñamos, baseada na sostibilidade como piar básico da industrialización que debe abandeirar Lugo, xa está a xerar interese e a atraer capital ao municipio, grazas á proxección que estamos a ter. Primeiro por situarnos á vangarda nacional e internacional do crecemento urbano sustentable e en prol da loita contra o cambio climático, porque este obxectivo será tamén a base do noso crecemento industrial, pero tamén como exemplo de accións locais para a reconstrución das cidades na etapa da postpandemia”, subliñou.
A alcaldesa quixo lembrar tamén “o esforzo inxente que o Executivo local leva facendo dende o 15 de marzo de 2020” para apoiar “só e exclusivamente con fondos propios” ao tecido produtivo e á poboación en xeral con achegas directas pero tamén con outras medidas como exencións fiscais, programas de formación e de reinserción laboral para colectivos vulnerables, axudas ao alugueiro e á emerxencia social, etc, etc “coas que tratamos de acadar que ningunha persoa quedara atrás afectada polas consecuencias da crise sanitaria actual. Un contexto que logramos reconducir até o punto de que Lugo é hoxe, como así o demostra esta adquisición, un lugar, unha cidade de oportunidades económicas e laborais, tal e como propiciamos dende o Concello, un fin no que seguimos a traballar a través da Estratexia Lugo Transforma que está a espertar tamén moito interese entre os inversores locais e nacionais”, concluíu a rexedora.