A Concellería de Cultura de Lugo inviste case 200.000 euros en asociacións culturais e actividades turísticas en 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou das subvencións concedidas no ano 2025 pola Tenencia de Alcaldía a distintas asociacións culturais e a actividades turísticas. Trátase de 17 axudas nominativas que, segundo explicou Ferreiro, permitirán “garantir unha parte importante da programación cultural de Lugo e a continuidade de asociacións cun importante arraigo na cidade”.
O Goberno de Lugo destina un total de 181.400 euros a estas actividades, entre as que se inclúen eventos xa consolidados no calendario lucense como a Semana de Cine de Lugo, o Correlingua, o Festival de Jazz ou a gala Mestras e Mestres da Memoria. Ademais, Ferreiro destacou a importancia das accións de promoción turística, como o Concurso de Tapas ou a Semana Santa.
A concelleira tamén subliñou a colaboración do Concello con entidades de relevancia cultural a nivel galego, como a Fundación Rosalía de Castro, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ou a Federación de Librarías de Galiza.
Entre as subvencións destacan 3.000 euros para a Fundación Rosalía de Castro, 3.000 euros para o Correlingua, 4.000 euros para a Sociedade Filarmónica Lucense e a Fundación Manuel María, 4.000 euros para a Federación de Librarías de Galiza, 6.000 euros para A Candeloria e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, 7.000 euros para a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, 10.000 euros para a Xunta de Confrarías, 15.000 euros para FACELA, 15.000 euros para a Asociación de Vellos Alumnos Ramón Falcón, 15.000 euros para a Asociación Músico Crisanto, 16.000 euros para EnRedando Co Galego, 20.000 euros para APEHL e USC, 20.400 euros para o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá e 28.000 euros para a Asociación de Amigos do Jazz “EscobiJazz”.