A Concellería de Educación de Lugo entrega 400 vales para material escolar
Maite Ferreiro, concelleira responsable de Educación, anunciou o inicio da entrega dos vales destinados á compra de libros de texto e material escolar. “Continuamos co noso obxectivo de ter este procedemento listo co comezo do curso escolar”, explicou Ferreiro, quen destacou o esforzo da concellería para entregar as axudas no menor prazo posible, garantindo o acceso ao material escolar para moitas nenas e nenos.
Este ano, a Concellería de Educación entregará 400 cheques de 100 euros, alcanzando un total de 40.000 euros destinados a esta liña de axudas. O único criterio para acceder ás mesmas é a renda per cápita anual da unidade familiar, fixándose o límite no 85 % do IPREM. En total, recibíronse 723 solicitudes para estas axudas. As listaxes definitivas de beneficiarios pódense consultar no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web municipal. A recollida dos vales realizarase nas oficinas de Educación, situadas no Centro Uxío Novoneyra.