A Concellería de Transición Ecolóxica de Lugo iniciará a campaña de plantación de inverno

A Concellería de Transición Ecolóxica de Lugo iniciará nos próximos días a campaña de plantación de inverno, na que se distribuirán preto de 150 exemplares en rúas, parques e espazos verdes de toda a cidade. Esta acción forma parte do plan anual de reposición de arbolado e demostra o compromiso do Goberno local co seguimento continuo do estado dos exemplares.
“Non só buscamos plantar novas árbores, senón que realizamos un traballo constante para avaliar as necesidades de cada zona, coidando o máis mínimo detalle tanto no arbolado como nas plantas ornamentais”, explicou o concelleiro en funcións, Mauricio Repetto.
O edil tamén destacou a importancia destas accións para a calidade de vida da veciñanza. “As árbores e plantas ornamentais non só embelecen os nosos espazos públicos, senón que contribúen de forma clave á biodiversidade e á saúde das persoas, ofrecendo refuxio para a fauna urbana e mellorando a calidade do aire que respiramos”, engadiu.
Ademais, lembrou que na pasada primavera se plantaron preto de 200 exemplares, cunha selección de 30 especies, entre as que destacan o acivro (Ilex aquifolium), o bidueiro (Betula pendula) e o pruno de follas púrpuras (Prunus cerasifera 'Pissardii').
A campaña de inverno incluirá exemplares de 33 especies, cunha coidada combinación de árbores autóctonas e ornamentais. Entre elas destacan o cerdeiro xaponés (Prunus 'Kanzan'), o pruno de follas púrpuras (Prunus cerasifera 'Pissardii'), con 34 exemplares, e o bidueiro común (Betula pendula), recoñecido pola súa gran capacidade de adaptación. Tamén se incorporarán especies como castiñeiros (Castanea sativa), liquidámbares (Liquidambar styraciflua) e maceiras de flor (Malus híbridos flor), entre outras.
A elección fíxose con criterios de sostibilidade e resistencia, asegurando que cada exemplar sexa axeitado para a súa ubicación e contribúa ao equilibrio ambiental e á mellora da paisaxe urbana.
Os traballos cubrirán toda a cidade, atendendo ás necesidades de reposición en barrios e rúas. Ademais, actuarase en zonas verdes emblemáticas como o Parque Rosalía de Castro, o Parque da Milagrosa ou o Paseo do Miño. Este enfoque global permitirá garantir que toda a veciñanza se beneficie desta iniciativa.